Trump, na súa toma de posesión, defende "comprar americano e contratar americanos"

Donald J. Trump xa é o 45 presidente dos EUA. Tomou posesión cun discurso fortemente proteccionista do que ficará sen dúbida unha frase, a de que el vai pór "América primeiro". O novo líder da superpotencia imperial deu a súa receita para "reconstruír" o país. Por americanos entende, claro, estadounidenses, non latinoamericanos.

U.S. President Donald Trump shakes hands with U.S. Supreme Court Chief Justice John Roberts (R) after being sworn in as president with his wife Melania, and children Barron, Donald, Ivanka and Tiffany at his side during inauguration ceremonies at the Capitol in Washington, U.S.,  January 20, 2017. REUTERS/Carlos Barria

O magnate xa é presidente e no seu primeiro discurso como tal -após o solemne acto de xuramento no maxestuoso cenario do Capitol de Washington- non decepcionou os seus: foi Trump en estado puro. O primeiro golpe no estómago recebérono os oligarcas da capital -símbolo do establishment, contra o que edificou a súa campaña eleitoral. Deles dixo que deixarían de continuar a se beneficiar de privilexios porque é hora de que a riqueza flúa tamén para as clases medias e traballadoras do país, enfatizou. 

A partir dese pórtico, o discurso de Trump, de apenas 18 minutos, escorregou polo tobogán dos seus mantras favoritos, cun marcado carimbo proteccionista. "Nós aquí reunidos hoxe emitimos un decreto para ser espallado por todas as cidades, a partir deste día vai ser sempre 'América primeiro', 'América primeiro'. Cada decisión será tomada para protexer os americanos".

"Imos reconstruír o noso país con traballo americano e materiais americanos", afirmou e para concretizar ese propósito enunciou "dúas pequenas regras", a saber, "comprar americano, contratar americano".

Un discurso na máis pura tradición do proteccionismo norteamericano -neste país sempre colidiron isolacionistas e librecambistas-, mais mesturado tamén de inequívocas pingas xenófobas e, destarte, Trump deslizou unha clara alusión ao proxecto de construción dun muro que separe materialmente os EUA de México: "Temos que encerrar as nosas fronteiras aos que rouban os nosos produtos e os nosos empregos", proclamou.

Incidentes

En paralelo á toma de posesión, miles de cidadás e cidadáns norteamericanos organizaron protestos e concentracións contra o novo presidente. Nunha das manifestacións, convocada por organizacións anticapitalistas, houbo cargas policiais e até foi detido un correspondente de Russia Today.

Comentarios