Varoufakis non descarta volver ao goberno e rexeita unirse á 'Unidade Popular'

O ex-ministro de Finanzas grego di que “gosta” da nova formación, mais non partilla a aposta dos 'escindidos' de Syriza de saír do euro. "Eu creo que é mellor permanecer no euro, embora non a calquera prezo”.

[Imaxe: Wikipedia] Yanis Varoufakis
photo_camera [Imaxe: Wikipedia] Yanis Varoufakis

Yanis Varoufakis non marchará para a 'Unidade Popular', a formación nada da escisión de Syriza. O ex-ministro de Finanzas afirma nunha entrevista no diario alemán 'Die Welt' recollida por Europa Press que “temos similitudes e simpatías”, en referencia á nova formación. “Gosto deles e coido que eles gostan de min”, engadiu, mais a continuación afirma que “desde o punto de vista político estamos demasiado afastados”. Por iso, entrar en 'Unidade Popular' “non sería unha combinación exacta”.

Á hora de sinalar eses puntos de afastamento, Varoufakis sinala a aposta da UP en marchar do euro. “Para eles a volta ao dracma é unha cuestión de ideoloxía”, di, lembrando que Grecia xa tivo no seu momento esa moeda “e non por iso era un país socialista”. “Eu creo que é mellor permanecer no euro, embora non a calquera prezo”.

O ex-ministro, á pregunta de que se Tsipras volve gañar as eleccións anticipadas e lle propón entrar no novo executivo, responde cun “un nunca debe dicir nunca” e afirmou que “a nivel persoal aínda teño boas relacións con Alexis e con moitos outros dentro de Syriza”. Entrar nese goberno, explicou, dependería dun criterio: “É sostíbel a súa política económica?”. Varoufakis mostrouse moi crítico co novo resgate: “Estou certo de que non vai funcionar, e ninguén o cre, nin sequera Schaüble (ministro Finanzas alemán) ou Lagarde (directora FMI).

Lapavitsas marcha

Quen si optou por marchar de Syriza e sumarse a 'Unidade Popular' é o econimista Costas Lapavitsas. Figura moi destacada da esquerda grega, a súa posición a respeito da eurozona é inequívoca desde hai anos: dentro dela non é posíbel realizar políticas alternativas e progresistas.

Comentarios