Venezuela deplora "a canallesca conduta" da imprensa española

O goberno bolivariano condena as informacións publicadas polos diarios El País e ABC ao redor da saúde de Chávez, e informa de que o presidente superou xa a infección respiratoria e mostra "unha evolución favorábel"
photo_camera Portada de El País coa foto falsa de Chávez


Hugo Chávez fica recuperado xa da súa infección respiratoria e mostra "unha evolución xeral favorábel" após 45 días da intervención cirúrxica á que tivo que se someter e podería voltar a Caracas "nunhas semanas".

Así o transmite o comunicado difundido na radio e televisión nacionais e asinado polo vicepresidente executivo do goberno bolivariano, Nicolás Maduro ao que deu lectura o ministro de Comunicación Ernesto Villegas desde Chile, onde participa na cimeira da CELAC.

No mesmo texto rexéitase "a canallesca conduta da imprensa comercial", citando expresamente dous diarios españois: El País e ABC.

Informou Villegas de que Chávez está a recibir xa o tratamento para o cancro que lle fora suspendido polas complicacións da operación. Acto seguido, subliñou a confianza que @s venezolan@s teñen depositada nos partes sobre a saúde do presidente que se facilitan desde o Goberno. "Cando tivemos que dar unha información negativa démola, e cando as noticias eran positivas démolas tamén. Gañámonos o irrespecto dalgúns sectores que unicamente están programados para recibir noticias negativas de Chávez porque lle teñen pánico".

Ao fío, o goberno bolivariano non deixou pasar a oportunidade de arremeter con dureza contra a imprensa "comercial", nomeadamente contra El País e ABC "e os seus liliputenses altofalantes en Venezuela, que no seu afán pola mentira violentaron todo linde ético e moral para denigrar o comandante Chávez e tratar de descarrilar a revolución".

Así, a publicación dunha fotografía falsa na primeira da edición en papel de El País correspondente á quinta feira, 24 de xaneiro, foi cualificada polo goberno de Venezuela como "o clímax dun ataque morboso e inclemente". O xornal do grupo Prisa mostraba unha persoa entubada, na cama dun hospital, a carón dun titular que prometía ser revelador: El secreto de la enfermedad de Chávez. Porén, o enfermo non era o líder bolivariano, senón un cidadán mexicano. O diario tivo que retirar o número dos puntos de venda e pedir desculpas.

Malia outorgarlle tal importancia a unha imaxe que resultou ser falsa, El País reservou unha posición máis discreta na portada da súa edición dixital para dar conta da mellora de saúde experimentada por Chávez. Namentres, ABC insiste na súa teima e titula Venezuela asegura que el proceso de recuperación de Chávez "no ha concluído", pois o comunicado sinala que o mandatario sofre aínda "certo grao de insuficiencia respiratoria". Porén, acrecenta que "está a ser debidamente tratada.

Comentarios