O xornalista de RT detido durante a "inauguración" de Trump podería ser condenado a 10 anos

Russia Today é un meio público de fala inglesa promovido polo Kremlin para contrarrestar os mainstream media controlados por Washington.

Alexander Rubinstein, xornalista de Russia Today
photo_camera Alexander Rubinstein

O 20 de Xaneiro dous xornalistas foron detidos pola policía norteamericana mentres cubrían un protesto que decorría na capital federal contra a toma de posesión (inauguration en lingua inglesa) de Trump.

En concreto, trátase de Alex Rubinstein, de Russia Today, e Evan Engel, do portal dixital Vocative. Ambos cobrían unha manifestación de anticapitalistas, con carga policial incluída e destrozos sobre o mobiliario urbano.

A policía acusa os xornalistas de tomaren parte nos destrozos, con danos valorados en 5 mil dólares. Estes, que teñen o apoio dos meios para os que traballan, négano.

O caso de Rubinstein é especialmente delicado para a Administración Trump ao se tratar dun traballador dun meio público ruso e ao estar moi quente o debate nos EUA sobre as hipotéticas conexións do flamante presidente norteamericano co Kremlin.

Segundo The Guardian, os cargos contra os xornalistas son os máis graves entre os que prevé a lexislación do distrito de Columbia para punir a participación en disturbios. De seren condenados, poderían enfrentar penas de 10 anos de prisión e o pagamento dunha multa por volta dos 25.000 dólares.

Quer Rubinstein quer Engel denunciaron que a policía os arrestou embora eles acreditaren a súa condición de xornalistas que se achaban no lugar dos feitos cubríndoos para os seus respeitivos meios.

Rubinstein alegou en twitter que a policía empregou unha granada para "cegarme e deixarme os ouvidos a abouxar". "A policía cercou a multitude mentres eu non podía ver e arrestaron a todo o mundo", escrebeu na rede social.
 

Comentarios