Alonso Montero defende Filgueira Valverde “aínda que non o van ler os taxistas”

O presidente da RAG defende a elección do homenaxeado no próximo Día das Letras como defensa “dos eruditos” a pesar de recoñecer, con frases abertas a unha interpretación elitista, o limitado interese que espertará.

Filgueira Valverde
photo_camera Filgueira Valverde

“Sabemos que non o van ler os taxistas ou os farmacéuticos”. A frase é de Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega, e adiantábase así -abrindo portas á interpretación elitista- a unha das polémicas -a outra é de perfil aínda máis político- que xa acompañan á designación de Xosé Filgueira Valverde como figura homenaxeada no Día das Letras Galegas de 2015: a de colocar no centro da difusión da cultura galega a un persoeiro apenas coñecido, de forte carácter academicista e que, con toda probabilidade, non obterá apenas repercusión alén do ritual das institucións e a atención dunha minoría intelectual.

Deixando á parte toda a discusión xa en marcha pola condición de Filgueira Valverde como alcalde de Pontevedra durante a etapa franquista ou persoa decisiva na instalación de Ence nesa Ría, dende o punto de vista máis circunscrito ao cultural, a decisión de RAG ofreceu sinais que apuntan a un xeito de resistencialismo por parte da institución, polo menos esa foi a representación pola que optaron os membros que comunicaron o gañador á prensa, talvez tamén intentando así achegar liñas de debate alternativo ao máis directamente político. “A Academia tiña unha débeda con el”, coincidiron en sinalar tanto Alonso Montero como Xosé Ramón Barreiro, que foi quen propuxo á figura elixida, e Francisco Díaz-Fierros, gran coñecedor da obra do escritor escollido, que foi elixido á terceira votación.

O ton da rolda de prensa por parte de Alonso Montero tivo ecos de auto-defensa gremial: "É que non se pode ser erudito?"

Porén, foi Alonso Montero o que por petición propia -se cadra desvelando o debate interno- propuxo unha serie de argumentos na rolda de prensa que soaron a auto-defensa. “Sabemos que na sociedade, sobre todo na máis culta, vai haber algunha polémica por esta elección, xa que cando se fala do Día das Letras sempre se pensa, por exemplo, en que a figura homenaxeada permita unha tradución eficaz no eido escolar e somos conscientes de que Filgueira Valverde non vai ter ese atractivo que tiveron outro tipo de escritores”, afirmou, para despois mesmo concretar “en definitiva non vai ser lido por taxistas ou farmacéuticos”. Mesmo comparou o previsíbel nulo tirón popular de Filgueira co que si tiveron “Lois Pereiro como poeta maldito no mellor sentido da palabra ou Vidal Bolaño polo xogo pedagóxico que ofrece o teatro”, incluso -segundo a súa opinión- por “un Díaz Castro que foi recitado e musicado”. Non alcanzará ese rexistro o protagonista literario do 17 de maio de 2015, asume o presidente da Academia, mais defende a escolla con orgullo sectorial: “É que non se pode ser erudito neste país? Coido que tamén se poden premiar perfís máis académicos”.

Polígrafo

Alonso Montero defendeu a Filgueira Valverde como “o último gran polígrafo que deu Galiza xunto a Otero Pedrayo” e destacou tamén as súas incursións na prosa e na “poesía neotrobadoresca”. Pola súa parte, Barreiro definiuno como “home sabio cunha personalidade desbordante” e Díaz-Fierros gabou o seu traballo no Seminario de Estudos Galegos e no Museo de Pontevedra.

Non houbo na rolda de prensa mencións ao labor político desenvolvido polo escritor despois do 36. Si unha mención para @s que non obtiveron apoios e quedaron polo camiño á espera de ser homenaxead@s outro ano: Manuel María, Carvalho Calero, Xela Arias e Fernández de la Vega. A tod@s superou en votos Xosé Filgueira Valverde, investigador das letras. Un home da alta cultura que a RAG promocionará con toda a maquinaría do Día das Letras a pesar de asumir que o seu alcance será moi limitado.

Comentarios