COMO DICILO? (III)

Castelán de Galiza

castelao
photo_camera castelao

Durante séculos, o galego impregnou o castelán que se falaba na Galiza. Configurou un dialecto do español coñecido como castelán de Galiza e aínda que falase en castelán, un galego, unha galega, era de inmediato recoñecido polo seu acento, polas súas peculiaridades morfosintácticas (nunca empregaba un verbo composto, dicindo, por exemplo: ¿Lo has visto? senón ¿Lo viste? ou trasladaba o noso dativo de interese ao dicir No le sé si marchó) ou pola masiva inclusión de palabras galegas (pan reseso, esmagar, la billa del lavabo, etc.) ou locucións idiomáticas como echar la lengua a pacer  e exclamacións como Manda truco!

Unha das características máis definitorias da nosa lingua, o importante emprego de sufixos expresivos -e nomeadamente  dos diminutivo-garimosos- chamaba a atención dos foráneos cando se empregaba no castelán dos galegos. E non era para menos, a súa presenza era constante: Ábreme la puertiña, aparta la pierniña, sea bueniño, etc.

Moitas rapazas e rapaces -aínda que daquela non se podían poñer nomes galegos- eran familiarmente chamados, mediante o emprego de sufixos expresivos ou de recursos propios, con formas autóctonas: Pacucha, Vituco, Carmela, Pancho, Purecha, Quinocho, Cholo, Choncha, Suso, Lucho,  Lela, Moncho, etc. E, claro está, Pepiño, Carmiña,  Mariquiña, e todos cantos queiramos formar co diminutivo –iño/-iña.

Hoxe, o castelán que se fala na Galiza está cada vez máis depurado de incrustacións galegas

Hoxe, o castelán que se fala na Galiza está cada vez máis depurado de incrustacións galegas. Debido, maiormente, á recepción directa do modelo lingüistico do español a través da Administración, do ensino, e sobre todo dos medios de comunicación oral. Cada vez é un castelán máis ortodoxo, menos distintivo.

O malo é que agora o proceso inverso, iniciado xa hai séculos, está desgaleguizando a nosa lingua, privándoa de elementos substantivos e modificándoa pola infiltración de elementos alleos.

E podemos sentir unha frase pronunciada como Vou a o cine ou ler e escoitar a leite, ela sabe tanto coma eu, chamáronlle por teléfono, non había feito nada, o sei moi ben, e outras deturpacións do noso idioma.

Debemos esforzarnos en reintroducir  no noso galego cotián todos os trazos  da lingua que aínda perduran. Que, por fortuna, son moitos.

Comentarios