A Mesa denunciará en Europa a negación de axudas do Estado por presentar documentos en galego

Considera que denegar a Teo, Compostela e Santa Comba axudas por estar un informe en galego é unha vulneración da Carta Europea das Linguas.

UE europa

 A Mesa pola Normalización Lingüística denunciará no Consello de Europa a denegación polo Instituto para la Diversificación y el Ahorro de Energía (IDAE), dependente do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, de importantes axudas económicas aos concellos de Teo, Compostela e Santa Comba por estar en galego algún dos informes remitidos. A MNL considera que, para alén “dunha mostra de racismo lingüístico”, a decisión do Ministerio vulnera o contemplado na Carta Europea das Linguas, que no seu artigo 10 sinala o compromiso (adquirido polo Estado español) de: “a) garantir que as autoridades administrativas empreguen as linguas rexionais ou minorizadas e c) permitir ás autoridades administrativas redactar documentos nunha lingua rexional ou minorizada”.

Marcos Maceira, presidente da Mesa, considera que os responsábeis do IDAE deben demitir, pois “non se pode admitir que fanáticos que priorizan o seu odio ao interese común da cidadanía manexen nin un só céntimo de diñeiro público”. Ademais, Maceira volveu emprazar o presidente da Xunta a que se posicione”ao lado de Galiza e da súa lingua. A tolerancia co integrismo galegófobo sae cara, e neste caso vano pagar as veciñas e veciños de Santiago, Santa Comba e Teo”.

A MNL considera que que estes non son casos illados, lembrando como recentemente gañaron un recurso contra a Axencia Tributaria que multou á entidade en defensa da lingua por pedir as notificacións en galego. Indicou tamén que, segundo o informe da Liña do Galego de 2015, o 27% das queixas presentadas por vulneración dos dereitos lingüísticos estaban relacionadas coa Administración Xeral do Estado.

Comentarios