A Mesa participa no Foro europeo de debate sobre diversidade lingüística

O Foro de Donostia organizado pola casa da UNESCO reunirá axentes, entidades e especialistas que traballan para a defensa e a promoción das linguas minorizadas europeas

Manifestación en defensa da lingua_Galiza Contrainfo

Axentes, entidades e especialistas que traballan para a defensa e a promoción das linguas minorizadas europeas danse cita no Foro de Donostia, unha cuta que acollerá relatorios, conferencias e debates en diversos formatos, onde se analizarán as dificultades existentes e identificaranse oportunidades neste campo. Organizado pola casa Unesco e Donostia 2016 capital Europea da Cultura, o encontro pretende pór en valor a diversidade lingüística como eixo clave en Europa.

A Mesa pola Normalización Lingüística estará presente a través do seu presidente, Marcos Maceira, no coloquio que decorrerá no Foro que decorrerá baixo o título 'O protocolo para a garantía dos dereitos lingüísticos, o que é? De onde vimos? Onde imos?'. Nel tomarán parte representantes de Hizkuntz Eskubideen Behatokia (Euskal Herría) e Conradh na Gaelgie (Irlanda).

Protocolo

Este coloquio ten lugar previamente á presentación do Protocolo para a garantía dos dereitos lingüísticos. O Protocolo de Donostia presentarase o día 17 de decembro. Segundo sinalan os promotores do documento internacional, o Protocolo para a Garantía dos Dereitos Lingüísticos será froito do proceso de acordo desenvolvido os anos previos para construír unha ferramenta que permita reverter a situación das linguas minorizadas e construír unha Europa baseada na igualdade entre as comunidades lingüísticas. No Comité científico que desenvolveu as achegas das entidades sociais de toda Europa ao documento final, participou a profesora da Universidade da Coruña Pilar García Negro.

Entre as entidades galegas que xa manifestaron a súa adhesión ao Protocolo para a Garantía dos dereitos lingüísticos figuran A Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega, a Asociación Profisional de actores e actrices da dobraxe de Galiza (Apradoga), a Coordinadora de traballadoras/es pola Normalización Lingüística, Escolas de ensino em galego A Semente ou Prolingua galega.

Comentarios