Unhas xornadas da lingua para debater presente e futuro do idioma

Decorrerán na Facultade de Filoloxía de Compostela do 13 ao 15 deste mes organizadas por Erguer. Coloquios, palestras, documentarios e unha festa para pór o ramo.

galego
photo_camera galego

A situación do galego após a Lomce, o papel das institucións na normalización lingüística, as alternativas á norma oficial... estas e outras cuestións serán obxecto de debate e análise nas xornadas da lingua organizadas por Erguer e que do 13 ao 15 van ter lugar na Facultade de Filoloxía de Santiago.

Na primeira xornada, 13 de decembro, terán lugar dous debates. No primeiro tomarán parte representantes políticos, docentes e alumnos e tratará sobre a Lomce e as súas consecuencias sobre o noso idioma. 'Lingua, cultura e oficialismo' é o título do segundo debate, que contará con representantes de AEG, AGAL e ILG.

Valentim Fagim será quen inaugure a segunda xornada, o 14, cunha palestra sobre as estratexias alternativas para o galego. A continuación, os escritores Teresa Moure e Sechu Sende falarán do paso dado no seu momento e polo que pasaron a escribir en galego reintegrado. Para completar o día, Mario Herrero falará do manifesto 'O Fim do apartheid'.

O día 15 procederase a proxectar dous documentarios: 'Decreto Filgueira' e 'Porta para o exterior'. Antón Blanco falará sobre escrita e edición. As xornadas encerraranse cunha festa no centro social A Gentalha do Pichel.


 

Comentarios