Contracultura

Julio Alonso Monteagudo: "No século XIX as elites ilustradas definiron certos elementos como representativos da galeguidade"

Julio Alonso Monteagudo (Redondela, 1969), investigador e profesor asociado na Universidade de Vigo, vén de presentar a súa tese, 'Música e identidade galega. Do baile da gaita á muiñeira (s. XVII-XIX)', na que analiza o aspecto máis humano e social da música.
O profesor na área de didáctica da expresión musical Julio Alonso Monteagudo (Foto: Nós Diario).
photo_camera O profesor na área de didáctica da expresión musical Julio Alonso Monteagudo. (Foto: Nós Diario).

—Por que tiña este interese en indagar na relación entre a música e a identidade galega?
Esta é unha tese que está dentro da liña de investigación de antropoloxía da Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago. Quixen centrar o meu interese nos aspectos máis sociais da música, non tanto na musicoloxía tradicional de arquivo que adoita facerse nas catedrais. Quería relacionar a miña tese coa xente de a pé. Ao final si que saíu unha tese de arquivo e non con tanto traballo de campo como me tivera gustado. Estudando a música galega do século XIX, que me parece unha época fundamental para o que chega até os nosos días, ao final as cousas desenvolvéronse por aí. 

O canon da música galega e o que chega até os nosos días -elementos representativos como a muiñeira, o alalá ou a alborada-, prodúcese no século XIX. É o momento no que se fai unha escolla, cando as elites ilustradas definen certos elementos como representativos da galeguidade. O que colle máis forza dentro dos xéneros musicais é a muiñeira, así como a gaita dentro dos distintos instrumentos. 

Anteriormente, se imos aos textos do século XVIII, practicamente non hai referencias á muiñeira e as que hai son para dicir que a xente a bailaba, sen máis. De feito, a referencia máis antiga que atopei da muiñeira é nun documento manuscrito que debeu realizarse arredor de 1746. Isto reforza a idea de que evidentemente existía no século XVIII, mais non se lle daba un carácter diferencial nin moito menos. Era unha peza máis.

—Isto ocorre en relación á exaltación dos nacionalismos?
Claro. Prodúcese na Galiza como o fai no resto da península e de Europa. Isto está ligado, sobre todo, ás ideas románticas do momento, á necesidade de crear eses símbolos que identificaran os territorios. Se falamos do século XIX galego é imposíbel pescudar todas as fontes, polo que decidín centrarme nos libros de historia. En concreto, a primeira persoa que produce ou consolida este discurso é José Verea e Aguiar na súa publicación Historia de Galicia de 1838. Isto estaría ligado ao movemento do provincialismo, que tería continuidade co rexionalismo; de aí que Manuel Murguía sexa outro dos personaxes centrais na consolidación destes símbolos. 

—Ve unha relación co panorama actual da música galega?
A cuestión identitaria ten picos altos e baixos ao longo da historia atendendo fenómenos sociais, ás inquedanzas de cada momento. Ocorreu tamén nos anos 70 e 80 co rexurdimento dos grupos de pandeireteiras e de música celta. Despois parece que ese sentimento experimentou unha baixada e agora parece que volve estar no alto en relación á música que mestura elementos contemporáneos coa tradición. Isto vémolo tamén no resultado das eleccións, sendo o mellor resultado da historia do BNG.

E non é algo exclusivo da Galiza porque tamén o vemos noutros territorios como o País Vasco. Evidentemente isto é unha valoración persoal e está fóra da delimitación temporal da miña tese, mais está claro que a música é un elemento fundamental. É unha linguaxe que chega a todo o mundo sen a necesidade de expresar un gran discurso.

Simplemente, con que soe unha gaita nun contexto determinado xa está enviando unha mensaxe de maneira que o colectivo poida sentirse vinculado a ese son.

Comentarios