Milagros Otero non vai dimitir como Valedora do Pobo. Deixouno ben claro esta quinta feira no Parlamento galego, onde compareceu na Comisión de Peticións. O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza considera probado que Otero se inmisciu no proceso de designación como xefa do servizo de administración e persoal da institución dunha persoa coa que tiña relación e que, alén de máis, é irmá do portavoz parlamentar do PP, Pedro Puy. Mais Milagros Otero aférrase ao cargo pois, afirma, en ningún momento intercedeu a favor desa persoa. Milagros Otero acata a sentenza pero non a partilla pois mantén que está baseada en indicios. Defendeu que o proceso selectivo foi escrupuloso e achegou ata 8 documentos como proba.
A oposición insiste en que debe deixar o cargo e avanza que vai exixir iso no vindeiro pleno, a semana que vén. A portavoz nacionalista na Comisión de Peticións, Montse Prado, considera que a contundencia e claridade da sentenza “inhabílitaa para seguir nin un minuto máis á fronte dunha institución á que está desacreditando e causando un enorme dano na súa imaxe e na súa credibilidade ante á cidadanía”.
Luís Villares defendeu o cese de Milagros Otero por parte do Parlamento para non trasladar á cidadanía unha "imaxe de que o Parlamento fai vista gorda diante das irregularidades". O portavoz de En Marea insistiu que as explicacións dadas na comisión por parte da Valedora non cambia en nada "o coñecido neste asunto e faise necesario que o Parlamento actúe e cese á Valedora".
Patricia Vilán (PSdeG) lembroulle á Valedora que a sentenza do TSXG é “durísima”, pedindo a demisión de Otero pois a súa permanencia no posto causa un dano “irreparábel” á institución.
Paula Prado (PP) acusou a oposición de facer “un xuízo político” sobre a valedora sen nin sequera escoitar a súa versión, e avanzou que se esta presenta recurso o PP agardaría a que finalizase a tramitación xudicial para fixar o seu posicionamento, no que é un balón de osíxeno para Milagros Otero.
A vindeira terza feira terá lugar un pleno no Parlamento no que se debatirá a reprobación da Valedora e se esta debe dimitir. Para iso serían precisos 45 votos favorábeis: non abonda co apoio de todos os deputados e deputadas da oposición.