A abstención do PSdeG impedirá que se aprobe a ordenanza de Compostela sobre as vivendas turísticas

“Sorpresa” no Goberno local pola decisión adoptada pola dirección local dos socialistas.

Un grupo de turistas na praza do Obradoiro de Compostela. (Foto: Arxina)
photo_camera Un grupo de turistas na praza do Obradoiro de Compostela. (Foto: Arxina)

O mesmo día en que o alcalde de Barcelona, o socialista Jaume Collboni, anunciaba o compromiso para eliminar os pisos turísticos na cidade condal nos vindeiros 5 anos; os socialistas de Compostela anunciaban a súa abstención sobre a ordenanza das vivendas turísticas no pleno da vindeira segunda feira, o que implica que esta ordenanza non sairá adiante. O PP ten 11 edís e xa anunciou o seu voto en contra, por 6 do BNG e 2 de Compostela Aberta -que forman o Goberno local-. O PSdeG ten 6 representantes na Corporación.

A ordenanza deixaba fóra de circulación 600 vivendas de uso turístico (VUT), que si poderían volver ao mercado residencial. A dirección local socialista decide agora absterse ante unha medida que nun principio desde o grupo municipal en Compostela se chegou a defender como “herdeira” en certa medida do proceso iniciado no anterior mandato polo Executivo local, do PSdeG.

O secretario xeral do PSdeG en Compostela, Aitor Bouza, defende a decisión do PSdeG local en que se basea na “congruencia” e a “coherencia” cunha responsabildiade adquirida na reforma do plan urbanístico, polo que existía un compromiso para atopar un encaixe legal para todas as vivendas turísticas preexistentes, algo que considera que esta ordenanza deixa fóra.

Algúns membros do grupo municipal do PSdeG son partidarios de non impedir que saia adiante esta ordenanza -que necesita o voto a favor dos socialistas-

A primeira valoración desde o Goberno local a este anuncio veu por parte da vice alcaldesa María Rozas, que amosou a súa “sorpresa” ante a mesma. Rozas lembrou que hai “un consenso na cidade” sobre a necesidade de regular as vivendas turísticas, polo que a decisión do PSdeG sitúase á marxe desa tendencia.

Máis contundentes se amosaron desde a Plataforma para a Regulación de Vivendas Turísticas (Prevituga), que inclúe a unha quincena de colectivos e entidades da capital galega  e que emitiu un comunicado para “denunciar con estupefacción o cambio de opinión” do PSdeG sobre “un tema capital para a cidadanía”, un xiro do que considera “unicamente responsábel á cúpula” local do partido e do que exclúe “de forma rotunda e sen ningunha dúbida os concelleiros”.

Comentarios