VIOLENCIA MACHISTA

O BNG centra a campaña do 25-N nas 'violencias invisíbeis'

A organización frontista presentou o lema e cartaz da campaña polo Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. 

25 de Novembro BNG

“Rompendo cadeados. Quen te amarra non te quere”. Ese é o lema elixido polo Bloque Nacionalista Galego para a campaña arredor do 25 de Novembro, o Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. 

A organización frontista decidiu simbolizar con cadeados "o control, a dependencia e a submisión" como formas de violencia. Desta maneira ilustran o cartaz que editan para a ocasión. Así o explicaron a responsábel de Acción Feminista do BNG, Saleta Chao, e a responsábel de propaganda, Montse Prado. "Hai patróns de conduta" que "están naturalizados" mais que supoñen tamén unha forma de violencia contra as mulleres. "Non só é a referida aos golpes", apuntou Prado, senón tamén "o control e a falta de liberdade" nas relacións de parella, a idealización do "amor romántico" ou "actitudes que nos sitúan como suxeitos sen autonomía, nos anulan e cuestionan", explicou Chao. 

Banda deseñada 

A campaña que enceta a fronte nacionalista complétase coa edición dunha banda deseñada --asinada pola artista gráfica Ticiana Ghiglione-- que estará conformada por catro pezas individuais nas que se representan distintas situacións violentas para as súas protagonistas e que serán difundidas através das redes sociais.  

Desde o BNG urxen a situar a violencia contra as mulleres como “unha prioridade política para o Goberno galego”, nomeadamente á hora de frear as actitudes e comportamentos machistas que se están a normalizar entre a mocidade. "O machismo está naturalizado", tamén, "na xente moza", denunciou Saleta Chao de aí que o BNG poña o acento nesta campaña naqueles aspectos nos que o machismo se manifesta en todos os ámbitos da vida das mulleres. 

Táboa de reivindicacións

Aliás, a fronte nacionalista exixe ao executivo de Alberto Núñez Feijóo, o cumprimento da "táboa reivindicativa contra a violencia de xénero" que foi rexistrada no Parlamento de Galiza mais que tamén será debatida através de mocións nos concellos galegos. Entre as demandas destacan Un plan xeral de coeducación, desenvolver unha formación específica para o profesorado baixo a perspectiva de xénero, dotar economicamente ás mulleres vítimas de violencia durante todo o ano para posibilitar a súa independencia real, dotar os xulgados con especialidade de violencia de xénero, incluír a persoas menores e persoas ao seu cargo como vítimas da violencia machista, apoio ao asociacionismo feminino e rede de mulleres contra os malos tratos, un plan de formación para o persoal sanitario e que o presidente da Xunta cumpra a súa promesa sobre o plan feminino de emprego prioritario para as mulleres vítimas de violencia machista". 

Comentarios