ROSANA PéREZ PIDE A COMPARECENCIA DO MINISTRO

O BNG pergunta ao Goberno se se ten identificado os autores do "asasinato"

O BNG rexistou esta segunda feira dúas iniciativas parlamentares en relación aos incidentes do Manzanares que resultaron na morte do seareiro deportivista.

A deputada do BNG Rosana Pérez rexistou esta segunda feira a petición de comparecencia do ministro de Interior, Jorge Fernández Díaz, para que explique "a ausencia dun dispositivo de seguranza hroas antes do partido de fútbol entre o Atlético de Madrid e o Deportivo de A Coruña no Vicente Calderón o 30 de novembro".

Asemade, a parlamentar frentista dirixe unha batería de perguntas por escrito ao Executivo, entre outras cousas cuestiona como é posíbel que, dados os acontecimentos, non se impedise a entrada no estadio aos "hinchas da facción do Frente Atlético".

A deputada interésase por saber se se ten identificado os autores "do asasinato do afeizoado do Deportivo".

No texto desta iniciativa, o BNG pon en destaque a "ideoloxía neonazi" do Frente Atlético e enfatiza que tamén "a nosa máis firme condena de todo tipo de violencia nos espectáculos deportivos, viñeren de onde viñeren".

Pola súa banda, desde Alternativa Galega de Esquerda (AGE) solicitaron através dunha iniciativa rexistrada no Parlamento galego, que o goberno da Xunta inste o executivo español a iniciar unha investigación arredor do asasinato de Francisco Romero Taboada. 

O deputado Antón Sánchez demandou tamén que o goberno de Rajoy "asuma responsabilidades". Para a coligazón electoral "a pouca previsión e a falta de interese de autoridades e mandos policiais nun encontro mal valorado como de ‘baixo risco", debe situarse no centro das pesquisas. 

Comentarios