Compromiso x Galicia reivindica a 'cuestión identitaria'


A formación que agrupa a Acción Galega, Espazo Ecosocialista e +Galiza celebrou o Día da Patria en Bonaval. Primeiro realizaron unha ofrenda floral diante da tumba de Rosalía de Castro e despois un acto político a carón do CGAC.
Acto en Bonaval do CxG
photo_camera Acto en Bonaval do CxG

Compromiso x Galicia (CxG), formación política de recente creación e formada por Acción Galega, Espazo Ecosocialista e +Galiza, celebrou hoxe os seus actos do Día da Patria en Bonaval. Nesta a súa primeira festa reivindicativa notouse a variedade de asistentes, mesmo d@s que asisten a un 25 de xullo tamén por primeira vez. Non é o caso de Xoán Báscuas quen recoñeceu aos medios de comunicación ter sentimentos encontrados mais “a política hai que facela co corazón e rexela co sentidiño”. De todos os xeitos asegurou que en torno ao 40% de afiliad@s a CxG nunca estivo en ningunha outra forza política “polo que o sentimento non é o mesmo para todo o mundo”.

Preguntado por temas de actualidade quixo deixar clara a posición contraria de CxG ao redor da decisión de redución de paralamentari@s que propón o PP. “É un atentado grave contra un mandato constitucional que é a proporcionalidade e convertese nun sistema maioritario”.

Actos
Comezaron cara ao mediodía cunha homenaxe no Panteón d@s Galeg@s Ilustres que se dividiu en dúas partes. A primeira consistiu nunha ofrenda floral no sepulcro de Rosalía de Castro diante do que falaron, entre outras, Encarna Otero. Logo foi a ofrenda diante da tumba de Castelao e nunha segunda parte os músicos Nando e Roi Casal interpretaron dúas pezas no recinto, a carón da tumba de Castelao.

Despois, pasadas as 12:30 do mediodía, CxG celebrou o seu acto político a poucos metros, nun lateral do CGAC. Presentado por Sara Torreiro, falaron Paulo Carlos López, Xabier Oviedo, María Xesús Bóo, Xosé Manuel Pérez Bouza, Teresa Táboas e rematou o acto Xoán Báscuas, lider da formación.

Báscuas reivindicou o dereito “como pobo que ten vontade de ser, como pobo que defende a súa cultura, o seu idioma, o seu patrimonio, a súa forma de estar no país, a súa forma de producir”

Reivindicación da identidade
O discurso do lider da CxG reivindicou a “cuestión identitaria”, o concepto de nación e do dereito “como pobo que ten vontade de ser, como pobo que defende a súa cultura, o seu idioma, o seu patrimonio, a súa forma de estar no país, a súa forma de producir”. Tamén sinalou que neste contexto de grave crise “hai que reivindicar a identidade dos galegos que souberon xerar riqueza, xerar benestar e que a economía volva a estar ao servizo da cidadanía e non á inversa”. Foi crítico coa política estatal ao apuntar que “non pode ser que os poderosos axuden aos poderosos en detrimento dos que menos teñen”. Para evitar un “homicidio das clases medias” asegurou que “é o momento de que paguen máis os que máis teñen e axudar máis a quen máis o necesita”.

Comentarios