Política cultural

EU únese ao Bloque na reivindicación dun maior orzamento para a RAG

Ademais do Congreso español, a petición tamén estará presente no Parlamento galego por iniciativa do BNG.

Nos últimos días, e tras un chamamento público do presidente da Real Academia Galega (RAG), Xosé Luís Méndez Ferrín, o BNG ten anunciada a súa intención de reclamar tanto no Congreso español como no Parlamento galego unha rectificación do “tratamento discriminatorio” co que os orzamentos do goberno de Mariano Rajoy teñen castigado á RAG, cuxos fondos públicos foron recortados nun 60 por cento, mentres que as institucións homólogas de Euskal Herria e Catalunya nun vinte. “O traballo da Academia é absolutamente necesario e o Estado non pode deixala nunha situación límite”, explicou ao respecto a portavoz parlamentaria do Bloque, Ana Pontón.

Esquerda Unida vén de anunciar que se une a esta reivindicación e, de forma independente, tamén presentará por medio dos seus deputados estatais unha emenda “a este duro recorte”. “A perda de dous terzos do orzamento é unha mostra de barbarie cultural contra a nosa lingua”, asegurou nunha nota de prensa a coordinadora de EU en Galiza, Yolanda Díez.

Comentarios