A Executiva do PSdeG desautoriza o pacto de Goberno dos socialistas co PP no Carballiño

Advirte que de materializarse o acordo, “tomará todas as medidas previstas nos estatutos e demais normativa do partido, con efecto sobre os concelleiros e concelleiras que desatenderan o mandato dos órganos de dirección”.

José Ramón Gómez Besteiro xunto á nova Executiva do PSdeG (Foto: Europa Press).
photo_camera José Ramón Gómez Besteiro xunto á nova Executiva do PSdeG nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press).

Comunicado breve mais contundente da Executiva do PSdeG apenas unhas horas despois de se coñecer que PP e PSdeG do Carballiño alcanzaran un pacto de Goberno nesta localidade.

“A Comisión Executiva Nacional do PSdeG manifesta, a través da Secretaría de Organización e en coordinación coa Executiva Provincial de Ourense e a Executiva Federal do PSOE, que ese acordo non conta coa autorización do Partido Socialista”, indican no comunicado.

E, a seguir: “Do mesmo xeito, informa de que, de materializarse o antedito pacto de goberno, o PSdeG tomará todas as medidas previstas nos estatutos e demais normativa do partido, con efecto sobre os concelleiros e concelleiras que desatenderan o mandato dos órganos de dirección”.

PSOE e PP do Carballiño pecharan esta terza feira un pacto para gobernar O Carballiño (comarca homónima) en coalición, que inclúe que o rexedor que resultou investido após as pasadas eleccións municipais, o socialista Francisco Fumega, cederá o bastón de mando municipal aos populares no último ano de mandato previo aos comicios locais de 2027.

Fontes populares e socialistas consultadas por Europa Press confirmaron a existencia deste acordo que inclúe unha repartición de áreas de Goberno e puntos programáticos para lograr o "avance" desta localidade que rolda os 14.000 habitantes. O actual portavoz popular no Carballiño, José Castro, será o tenente de alcalde até que chegue a quenda dos populares de ter a Alcaldía.

Após as eleccións de maio do ano pasado, Francisco Fumega, do PSOE, gobernaba O Carballiño en minoría, con seis edís. O PP ten cinco, os mesmos que Espazo Común, o partido do ex alcalde da localidade e ex conselleiro do bipartito, Pachi Vázquez. O BNG ten 1 representante.

Precisamente, o Concello do Carballiño tiña fixado para esta cuarta feira 19, ás 11:00 horas, unha sesión plenaria extraordinaria --posterior á celebración do pleno ordinario-- a petición de Espazo Común na que se expuña a posibilidade dunha moción de censura que dese pé a unha alternativa política a Fumega.

Comentarios