Feijóo bota balóns fóra e di que Baltar ''non ten ningún cargo''

Após recoñecer que precisaría del para gañar outras eleccións, o titular do Goberno galego lembra agora que o ex presidente da Deputación de Ourense ''xa non está na política''. Fiscalía Anticorrupción recibiu documentación oficial sobre posíbeis irregularidades durante os anos de goberno do ex barón do PP que xa foran denunciadas pola oposición. PSOE e BNG sitúan a investigación no eido da ''vendetta interna'' e das ''cuestións persoais''

A Fiscalía Anticorrupción recibiu nestes días numerosa documentación oficial que darían conta das irregularidades sobre as que o que foi presidente da Deputación de Ourense, José Luís Baltar, foi erguendo os alicerces de 22 anos de maiorías absolutas.

Manipular os censos do PP na procura da vitoria para o seu fillo, José Manuel Baltar Blanco, no congreso no que se lle escollía sucesor --admitindo afiliacións fóra de prazo-- fronte á proposta de Alberto Núñez Feijóo; conceder a dedo postos de traballo e subvencións de até 253.000€ durante cinco anos a unha empresa da que non consta actividade, mais que é propiedade dun dos mellores amigos de Baltar fillo e que adquiriu terreos en concellos como Coles xusto antes de que o novo plan urbanístico os tornase urbanizábeis; o enchufismo, como outorgar a praza de condutor de maquinaria de obras públicas e vehículos especiais a unha persoa sen os permisos C e E; ou amañar oposicións, con anotacións á man feitas directamente na listaxe de candidat@s sobre parentescos; son algunhas das prácticas que aparecen na documentación aportada pol@ demandante. A modo de resumo, na denuncia queda constancia de que, á fronte da Deputación ourensá, Baltar non só fixo favores senón que tamén se fixo cunha fortuna nada despreciábel.

De mestre do rural a cacique 'dos bos'
O ex presidente do PP e do Goberno provincial --cargos que agora ocupa o seu fillo-- deixou os labores de mestre na escola rural de Luintra ao gañar as eleccións á alcaldía de Nogueira de Ramuín, en 1976. Once anos despois chegou á presidencia da Deputación, e colgou o bastón de mando xubilado, cos 70 anos cumpridos e tras un intenso esforzo para perpetuarse no poder a través de Baltar Blanco.

Marchou facendo das prácticas clientelares marca de identidade e, orgulloso --dixo de si propio que era un cacique ''bo''--, espetou nunha entrevista que "xa todos saben que son un cacique, mais vótanme". Declaracións coma esta, ou aqueloutra que fixo nun acto de homenaxe diante do cadro de persoal da institución ourensá, lembrando que "vós sodes os meus traballadores, non os da Deputación", ou a entrega de 3.000 euros en billetes de 50 ao alcalde pedáneo de Morgade á saída dun mitin electoral achantaron o terreo para que a denuncia ante Anticorrupción non collese xa a ninguén por sorpresa. De feito, o seu proceder fora denunciado de maneira insistente pola oposición e polas persoas que resultaron afectadas.

Valoracións: unha ''vendetta interna'' ou ''cuestións persoais''
A última homenaxe foi hai dúas semanas. Máis de 3.000 persoas renderon pleitesía ao ex barón do PP, quen recuperou para a ocasión o seu pasatempo preferido, tocar o trombón. Nese acto, Feijóo recoñeceu que "sen persoas como Baltar eu nunca tería sido presidente da Xunta", e adiantou que o vai necesitar máis unha vez para imporse nos comicios. Porén, tras coñecer a investigación aberta, o titular do Goberno galego andou ás présas para recordar que Baltar "agora non ten ningún cargo, non está na política". Mostrouse convencido Feijóo de que "se lle piden explicacións ten que dalas, e daráas".

Desde a Deputación de Ourense chegaron as valoracións da oposición. Desde o BNG, o seu voceiro Xoán Jardón matizou de que até o de agora non posúe "información contrastada" alén da publicada pola prensa. Aínda así, apuntou que os datos que estarían agora nas mans da Fiscalía Anticorrupción fai referencia "a cuestións que se puxeron de manifesto nos últimos anos e que non tiveron percorrido algún". Sobre a posibilidade de que desta volta a demanda vaia adiante, sinalou que "o feito de que el xa non está --na política activa-- é un factor engadido", e valorou que a razón de que as denuncias de supostas irregularidades aparezan agora en forma de documentación oficial podería deberse a "cuestións persoais".

Pola súa banda, o PSOE mostrouse taxativo e apuntou que "case seguro" que a información que chegou á Fiscalía Anticorrupción fai parte dunha "vendetta interna". Así, o voceiro desta formación política na institución provincial, José Ignacio Gómez, lembrou que a oposición alertara xa das prácticas caciquís do ex barón conservador en sede provincial e cunha denuncia ante a Fiscalía ourensá hai tres anos. Alén dos puntos contidos na demanda, Gómez aludiu a unha investigación aberta ante posíbeis irregularidades na xestión de fondos europeos.

Comentarios