"Xa saben todos que son un cacique, mais seguen a me votar", dixo un día, que podería ser calquera, o que foi durante 25 anos --1987 a 2012-- presidente da Deputación de Ourense, José Luís Baltar. O cargo herdouno o seu propio fillo, José Manuel Baltar. As denuncias sobre os métodos clientelares do baltarismo cóntanse por ducias, con algunhas tan memorábeis como a entrega de 3.000 euros en billetes de 50 ao alcalde pedáneo de Morgade á saída dun mitin electoral.
Porén, até 3.000 persoas renderon pleitesía ao home que gañou 36 citas nas urnas e que segue a controlar, aínda afastado do bastón de mando, o PP de Ourense. Nunha homenaxe convocada este sábado por varios colectivos sociais e empresariais e conducida polo popular presentador Xosé Manuel Piñeiro, boinas e birretes déronse cita no recinto feiral de Expourense nunha homenaxe á que asistiu máis de media Xunta, desde o presidente, Alberto Núñez Feijóo, @s conselleir@s de Educación --Jesús Vázquez--, Medio Ambiente --Agustín Hernández-- e Medio Rural e Mar --Rosa Quintana--.
Así as cousas, Feijóo pediu a Baltar que se implique na vindeira campaña electoral e, seguramente moi ao seu pesar, dixo ante @s miles de convidad@s que sen persoas coma o patrón xubilado do baltarismo que "eu non podería ter sido presidente da Xunta". Alén d@s presentes --tamén estivo Mario Conde e un grupo de ex alumn@s do ex presidente da Deputación cando era profesor-- houbo adhesións que chegaron en forma de carta, como a do bispo de Ourense, Leonardo Lemos, a do poeta Luis G. Tosar; e un saúda do presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín --en 2010 Baltar adiantouse a Feijóo e concedeu unha axuda á RAG a través da Deputación--.
Mais non todo foi pleitesía...
Fóra do recinto feiral, os berros de 'Baltar, cacique, Ourense vaise a pique' daban conta de que non toda a cidadanía ourensá estaba de acordo nin coa homenaxe nin coas prácticas caciquís do barón do PP. Foi un titular na prensa o que fixo saltar os ánimos, 'Ourense despide a Baltar'. "Que Ourense despide a Baltar? Despídeno os caciques de Ourense", sinalou un activista da Asemblea Aberta Ourense, colectivo formado ao abrigo das acampadas do movemento 15M, que convocou unha concentración cadrando coa homenaxe para manifestar o seu rexeitamento.
"O PP ten todo o dereito a facer os actos que queira, mais non a dicir que nos representa a todos porque non é así", reprochou o mozo, que cifrou en ao redor de 50 o número de asistentes, a quen se uniron tamén un nutrido grupo de afectad@s na estafa das participacións preferentes de NovaGalicia Banco. Un cordón policial composto por "case tantos axentes coma nós" velou para que as protestas da cidadanía non entorpecesen o correcto decorrer do evento.
Non houbo incidentes, mais si tempo para darlle lectura a un manifesto en que @s alí concentrad@s ironizaron con entender unha homenaxe "do seu partido e da súa familia, a quen coloca sen aval profesional algún" en postos de traballo dependentes da Deputación, tal e como se lle reprochou en reiteradas ocasións ao baltarismo. Na liña, reclamaron "a nulidade de centos de empregos en fraude de lei", e pediron a intervención da Fiscalía Anticorrupción para que inicie unha investigación ao respecto. E mentres, dentro, agradecementos, apertas e un xantar popular.