O Goberno español recoñece a necesidade de manter as axudas ao sector marisqueiro da ría do Burgo ante a interpelación do BNG

Néstor Rego pediu "unha implicación clara" por parte do Goberno do Estado para, conxuntamente coa Xunta da Galiza, cubrir estas necesidades.

Néstor Rego (Foto: Arxina).
photo_camera Néstor Rego (Foto: Arxina).

O deputado do BNG no Congreso español, Néstor Rego, após a finalización dos traballos de dragaxe da Ría do Burgo (na comarca da Coruña), demandou ao Secretario de Estado de Medio Ambiente a implicación do Ministerio de Transición Ecolóxica para o mantemento das axudas aos marisqueiros e marisqueiras até que os bancos marisqueiros volvan a ser produtivos.

A fronte nacionalista mostrou a súa satisfacción ante a vontade do Ministerio de continuar atendendo o colectivo afectado e pediu "unha implicación clara" por parte do Goberno do Estado para, conxuntamente coa Xunta da Galiza, cubrir estas necesidades.

O proxecto de dragaxe da Ría do Burgo, contemplado no acordo de investidura conseguido polo BNG en 2020, finalizou este mes de abril coa recepción das obras. Neste sentido, a pesar de que as actuacións levadas a cabo permitirán unha maior actividade marisqueira, os bancos de marisco sementados tardarán case dous anos en seren produtivos.

"Reclamamos ao Ministerio de Transición Ecolóxica que haxa esas axudas. Ten que haber unha posición por parte do Ministerio para que as dúas Administracións competentes, o Goberno estatal e a Xunta, se poñan de acordo para recuperar as axudas que houbo ao longo dos dous anos que durou a actuación de draga da ría” subliñou Rego.

Unha vez recibida a obra e durante a formulación da pregunta do BNG, o Secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, sinalou que o Ministerio "está de acordo" coa proposta do BNG e mostrou a súa vontade para colaborar coa Xunta da Galiza e "cubrir as necesidades que se formulen: parece razoábel estabelecer un mecanismo de compromiso para o período posterior até que os bancos sexan produtivos".

"Hai unha actuación que foi desenvolta polo Ministerio de Transición Ecolóxica e debe ser quen teña un papel activo para que as axudas cheguen. A Xunta tampouco se pode pór de perfil neste asunto -sendo a Administración coas competencias na actividade marisqueira-, mais a Xunta non avanzará se o Ministerio non ten unha implicación clara", apuntou o deputado nacionalista no Congreso.

Após a resposta do Secretario de Estado de Medio Ambiente, a valoración do deputado do BNG é prudentemente positiva. "Conseguimos que o Ministerio recoñecese a necesidades de manter as axudas e o compromiso para estabelecer un marco de acordo xusto e suficiente coa Xunta da Galiza para non deixar desamparados os mariscadores e mariscadoras", explicou Rego.

Dragaxe, saneamento e rexeneración: na ría do Burgo e nas rías galegas

"Había un orzamento para este proxecto dotado de 48 millóns de euros mais as actuacións e as axudas para a dragaxe da Ría do Burgo resultaron ser menores. Por iso, entendemos que o Ministerio pode atender as queixas que recolleu o BNG da veciñanza e o colectivo de mariscadores e mariscadoras" aseverou Rego.

Falta, segundo explicou o deputado do BNG, completar a rexeneración, actuacións na contorna da ría como completar o paseo, especialmente na zona do Paraíso, e recuperar e rehabilitar o mobiliario que tivo que ser apartado para poder realizar as obras de dragaxe e mesmo plantar novas arbores que foron cortadas.

Alén diso, Rego convidou o Secretario de Estado a continuar avanzando na rexeneración das rías galegas porque "a ría do Burgo non é a única que precisa de actuacións de dragaxe, saneamento e rexeneración".

Comentarios