Eleccións Europeas 9-X

Gonzalo Caballero arremete contra Besteiro e Formoso: "O ciclo electoral é o peor da historia do PSdeG"

O ex secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, criticou con dureza a actual dirección da formación a raíz dos resultados obtidos nas eleccións ao Parlamento Europeo decorridas este domingo.
O socialista Gonzalo Caballero (Foto: Nós Diario).
photo_camera O socialista Gonzalo Caballero (Foto: Nós Diario).

O ex secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, criticou con dureza a actual dirección da formación a raíz dos resultados obtidos nas eleccións ao Parlamento Europeo decorridas este domingo, nas que o Partido Socialista obtivo unha significada caída na Galiza con respecto aos últimos comicios europeos de 2019.

Caballero foi proposto para ser unha das persoas que integrasen a lista do PSOE para estes comicios e así optar a un escano no Parlamento Europeo. Porén, finalmente a formación socialista optou por incluír a Nicolás Gonzáles Casares na candidatura.

"O PSOE caeu no Estado español 2.8 puntos nas europeas mentres na Galiza caemos 8 puntos, case 3 veces máis. A Galiza de novo entre as comunidades autónomas con maior caída do PSOE no Estado español. Moi preocupado: o PSdeG debe cambiar de rumbo tras caídas continuas", arremeteu Gonzalo Caballero esta segunda feira.

"Nas europeas de 2019 o PSdeG-PSOE foi a forza política máis votada na Galiza con 511.246 votos e o 35.07% (mellor que nas municipais do mesmo día), mais este domingo obtivemos 301.213 votos, o 27.01%. En 2019 o PSdeG gañou ao PPdeG por 76.000 votos e agora gáñannos por 185.000",  proseguiu.

"A forte caída socialista na Galiza este 9 de xuño contrasta coa suba do PSOE noutras dúas comunidades autónomas históricas: en Euskadi subimos sete puntos e en Catalunya oito, mentres na Galiza caemos oito puntos. A maiores, o PP consegue na Galiza un dos seus mellores resultados de todo o Estado español", salientou o ex líder do PSdeG.

"O ciclo electoral 2023/24 é o peor da historia do PSdeG caendo en todas as eleccións. Con Formoso e Besteiro perdemos dous cidades, unha deputación e 171 concelleiros e concelleiras en municipais; tres deputados e deputadas e un senador en estatais, e cinco parlamentarios e parlamentarias en autonómicas", afirmou. Agora, dixo, "caemos tamén en europeas".

"En cambio, o ciclo electoral anterior do PSdeG en 2019/20 saldouse con subas en todas as eleccións na Galiza: subimos 10 puntos nas estatais, seis en municipais, 14 en europeas e 1,5 nas autonómicas. Entón os socialistas subiamos máis na Galiza que no Estado español", engadiu o ex secretario xeral.

"O retroceso progresista e o ascenso das dereitas non nos gusta a quen defendemos políticas de benestar, igualdade e xustiza social. Non debemos conformarnos nin resignarnos. Toca entender a mensaxe e fortalecer o PSOE para avanzar na Galiza, no Estado español e en Europa", concluíu Gonzalo Caballero.

Comentarios