Luís Villares a Feijóo: “Vostede non goberna Galiza, vostede arruínaa”

En Marea propón ao resto das forzas na Cámara un pacto de país en tres materias: defensa do sistema público sanitario, da educación pública e do territorio. 

Luis Villares, portavoz de En Marea.

Luís Villares mantivo no debate do estado da Nación o ton combativo que xa exhibira nas últimas sesións de control ao presidente, un ton afastado do que tiña nos seus inicios na area parlamentar. Quer por ir gañando oficio ao longo destes meses, quer por decisión de endurecer o discurso, o portavoz de En Marea ofreceu unha intervención belixerante na réplica ao alegato que Núñez Feijóo fixera durante a mañá. “Vostede non goberna Galiza, vostede arruínaa”, reprochoulle o maxistrado en excedencia ao mandatario galego.

Villares arrancou a súa quenda poñendo o listón alto. “Vostede é unha fraude”, espetoulle a Núñez Feijóo. O presidente acusara o goberno catalán de golpista” e o portavoz de En Marea lembroulle que nun golpe de estado “os militares asasinan, secuestran urnas”, que nun golpe de estado “as balas atravesan a xente, como fixeron con Alexandre Bóveda”, recomendándolle ao presidente que recorde que na Galiza houbo un golpe de estado, no 36, e que delo aínda hai pegadas “nas gabias”.

Feijóo deixa abandonados os galegos afectados pola crise, mantivo Villares. Por que ? Pois porque Feijóo é “un separatista”, explicou. Un “separatista” non só por vivir "separado da realidade", senón por “separar os galegos do traballo, separar os galegos dos servizos públicos” e, culminou, “mesmo separa os nenos das nenas nas escolas privadas”.

Onde estivo?

“Onde estivo este ano”, inqueriulle ao inquilino de Monte Pío. “Deixou xente polo camiño”, reiteroulle, incidindo de novo nos efectos da crise en Galiza. E, ao tempo, como presidente de Galiza deixou constancia do seu escaso peso: no recorte 30% nos investimentos dos orzamentos do estado en Galiza, no veto da AP9 e no retraso do AVE.

Para Luís Villares, Feijóo é o “presidente da desigualdade”, un mandatario que se caracteriza por avalar “rexeitas de economía neoliberal” e de “recentralización” que deixan duras consecuencias para a sociedade galega... Falou da precariedade laboral, da temporalidade, do devalo demográfico e tamén da crise en sectores como o lácteo. Púxolle sobre a mesa os casos de corrupción, nomeadamente o Campeón. E deixou unha oferta de pacto para as forzas da Cámara galega sobre tres eixos: defensa da Sanidade pública, defensa do ensino público e defensa do territorio.

Comentarios