Nada que celebrar na constitución española. Por iso o BNG non participará nin como formación nin os seus cargos institucionais en ningún dos actos que este 6 de decembro hai para conmemorar a ‘carta magna’ española.
A deputada nacionalista Noa Presas salientou que o nacionalismo galego sempre denunciou que a Constitución española “nega os dereitos nacionais e sociais” de Galiza. Anunciou que o BNG trasladará a campaña a institucións e sociedade porque temos, dixo, “moi pouco que celebrar e moito que reivindicar e denunciar”.
A día de hoxe, engadiu, a monarquía é un “síntoma antidemocrático” e anunciou que o BNG presentará no Parlamento galego a proposta de supresión da Monarquía española.
Para o secretario de Organización do BNG, Bieito Lobeira, o saldo de 40 anos de constitución é “negativo para Galiza” e cun marco político que “non nos vale”. O nacionalismo, manifestou Lobeira, “sempre mostrou a súa oposición con coherencia” durante corenta anos a unha constitución que nega os dereitos de Galiza e en contraposición ao entusiasmo mostrado por forzas estatais.
Lobeira anunciou que o BNG celebrará o vindeiro día 6 de decembro un acto de concentración nacionalista en Santiago de Compostela para mostrar o rexeitamento á conmemoración dos 40 anos de Constitución española.