Foron “perto de quiñentas” as iniciativas presentadas polo parlamentario do BNG, que se suma, lembra, ao “acordo de investidura acadado” que “logrou desbloquear a axenda galega após catro anos sen representación do nacionalismo galego na cámara española”.
“É evidente o escaso interese do Goberno PSOE-UP por cumprilo en tempo e forma mais tamén é verdade que marcou un horizonte claro de actuacións e compromisos coa Galiza que permite á sociedade galega reclamar a súa execución para materializalos en avances concretos”, afirma o deputado nacionalista a respecto do acordo de investidura.
303 intervencións
O representante do BNG é o deputado galego con máis intervencións parlamentarias até o de hoxe na cámara baixa, cun total de 303.
Asinou, informa a formación nacionalista no comunicado, 3 proposicións de Lei, 102 Proposición Non de Lei, 338 preguntas ao Goberno, 2 interpelacións e unha moción froito de interpelación, 11 solicitudes de comparecencia de diferentes cargos e responsabilidade do executivo estatal, 12 solicitudes de creación de comisión e presentou emendas parciais e totais a 17 proxectos de lei.
Alén da análise cuantitativa, Rego salienta que “todas as iniciativas rexistradas tiveron e teñen como obxectivo a defensa da capacidade de Galiza a se desenvolver economicamente para garantir emprego, benestar e futuro para todos os galegos e galegas”.
Entre os temas tratados polo representante do BNG salientan os relativos á crise industrial (Alcoa, Alu Ibérica, os estaleiros, o fechamento das centrais térmicas), o sector agrogandeiro e a pesca e as infraestruturas, singularmente os camiños de ferro e a AP-9.