Música, optimismo, ilusión e alegría mesturáronse con reivindicacións e chamadas a defender os intereses dos galegos e galegas sen dependencias alleas ao país. Pasadas as 12h, os bombos e das gaitas anunciaba o comezo do acto co que Nós, Candidatura Galega abriu a precampaña na mañá deste domingo en Compostela. Tras a música, Isabel Risco e O Carrabouxo repartían castañas entre as persoas asistentes, que aplaudiron cada chanceo da artista e do artista sobre o panorama político no que terán lugar as eleccións xerais.
O amplo abano de intervencións políticas iniciouse coas palabras de Helena Pérez, que, en representación de Iniciativa pola Unión, lembrou como xermolou a candidatura, homenaxeou as Irmandades da Fala e salientou a convocatoria de primarias abertas e o programa electoral colaborativo. A continuación, agradeceu o traballo das forzas políticas que forman parte da coligazón: Partido Galeguista, Partido Comunista do Pobo Galego, Coalición Galega, Fronte Obreira Galega e Bloque Nacionalista Galego, que recibiron unha grande ovación por parte das persoas asistentes.
O acto contou coa intervención dun amplo abano de representantes que encarnan as distintas loitas sociais
Após a apertura a cargo de Helena Pérez, tiveron lugar as intervencións das candidatas e candidatos que encarnan as distintas loitas sociais. Así, Xosé Leirós falou dos emigrantes retornados; Vanesa Nieves, do calote das preferentes e Carlos Alberte Lamazares, quen subliñou que “Nós é a única tractorada que pode defender este país”, aludiu á crise leiteira. Tamén interveu Tareixa Novo, quen defendeu a cultura galega e mesmo cantou, acompañada do público, a capela.
Manolo Presas reivindicou a loita dos mariñeiros do cerco á vez que o público berraba “nin na terra nin no mar, non nos deixan traballar”. Montse Porteiro referiuse, a continuación, aos recortes que sofre a sanidade e Djiby Fall e Cheikh Faye tomaron a palabra expoñer as semellanzas entre o colonialismo que sofren no Senegal co colonialismo que sofre Galiza. Estas dúas persoas de nacionalidade senegalesa decaeron das listaxes por careceren o seu país dun convenio co Estado español que lles permitise votar e ser votados.
Tres cadeiras baleiras simbolizaron a emigración xuvenil
Entre as candidatas e candidatos que permanecían sobre o escenario, destacaban tres cadeiras baleiras que simbolizaban a emigración da mocidade. Eran os asentos de tres mozos e mozas que se atopaban en Londres e en Barcelona. A súa voz, a través dunha peza audiovisual, tamén estivo presente no acto de Nós, Candidatura Galega.
Tamén falaron os candidatos e candidatas ao Senado: Segundo González, Xabier González, Alba Cuba e Xosé Luís Rivas, “Mini”. Un dos momentos máis ovacionados chegou coas intervencións de Francisco Rodríguez, Rosana Pérez e Olaia Fernández, que deron conta dos vinte anos de representación do nacionalismo galego no Congreso.
Cando o acto, que durou ao redor de dúas horas, chegaba á súa fin, tomaron a palabra as cabezas de lista de Nós, Candidatura Galega. Noa Presas, candidata por Ourense, referiuse aos problemas que sofre a mocidade e a unha constitución que non garante os dereitos dos galegos e galegas. Olalla Rodil, candidata por Lugo, aludiu á capacidade de Galiza para producir e apelou as persoas presentes a sorrir e a “sentir o orgullo de pertencer a esta terra; de vivir, traballar e loitar por ela”.
Callón reivindica Nós como “única candidatura de país, coherente e de esquerdas”
Carlos Callón, candidato pola Coruña, reivindicou Nós como a “única candidatura de país, coherente e de esquerdas”. Foi moi crítico do tratamento que sofre a lingua como “residuo tóxico” por parte do Partido Popular. A xornada finalizou coas palabras de Carme Adán, candidata por Pontevedra, quen agradeceu o labor do BNG no Congreso e quen reivindicou unha tarifa eléctrica galega e solucións á crise gandeira, aos desafiuzamentos, á crise do naval ou á falta de crédito que padecen as familias. Arrincou un sonoro aplauso cando reclamou un Estatuto de Vítima de feminicidio.
As intervencións das candidatas e candidatos tecéronse coas intervencións sagaces de Isabel Risco e do Carrabouxo e da música do guitarrista Paco Barreiro e mais da alegría dos Tres Trebóns, que foron quen de erguer os candidatos e candidatas das súas cadeiras para bailar.