O PP demora a proposta para o nomeamento de novo valedor

Tres semanas despois da polémica renuncia de Benigno López, o PP aínda non fixo propostas para o nomeamento dun novo valedor. A lei estabelece que, unha vez vacante o cargo, o procedemento para a escolla do novo responsable ha de iniciarse nun prazo non superior a un mes.
Julio Fernández e Benigno López xunto con Pilar Rojo, o pasado mes de marzo
photo_camera Julio Fernández e Benigno López xunto con Pilar Rojo, o pasado mes de marzo

Malia a que, dende o BNG, instaron ao grupo popular a reunírense para abordar o perfil do novo valedor, de momento non obtiveron resposta. “Nós cremos que nestes momentos hai unha situación que debe ser abordada. O prestixio da institución saíu danado pola actitude do anterior valedor e, para restituílo, hai que levar adiante unha remuda que non debe demorarse alén este mes”, apunta a deputada nacionalista Ana Pontón. Mentres isto non aconteza, á fronte da institución seguirá, de maneira interina, Julio Fernández, proposto polo PP e cun perfil ideolóxico próximo.

O nomeamento do valedor do pobo está a mesturarse neste momento con outros dous debates que o PPdeG puxo sobre a mesa: a reforma da lei e a realización de axustes orzamentarios na institución, que tanto o Goberno autonómico como o grupo popular estimaron en entre un 20 e un 25 por cento sobre  o actual orzamento de dous millóns de euros. Para o BNG, esta non é senón é unha estratexia para dilatar o proceso de escolla do novo valedor, dado que os tres asuntos poden ser resoltos de maneira independente. Mesmo para a realización de axustes na institución, apunta Pontón, non é necesaria unha reforma da lei, posto que a actual prevé que poida existir só un vicevaledor.

Namentres o grupo popular demora a proposta de novo valedor,  e baralla na súa proposta de reforma a desaparición da figura dos vicevaledores, no estado,os populares levan xa tempo poñendo en cuestión a institución. María Dolores de Cospedal, secretaria xeral do PP, eliminou a institución na comunidade autónoma que preside, Castela A Mancha, e en Murcia tamén xurdiron propostas para a súa supresión. No seu momento tamén foi anunciado que a eliminación da institución  a nivel autonómico sería debatida na próxima reunión de presidentes das comunidades autónomas.

Comentarios