23-X

Un escenario electoral aberto: os partidos pelexan polo 20% do votante aínda indeciso

A campaña electoral dos comicios estatais deste domingo 23 de xullo chegou onte ao seu fin. As formacións políticas que aspiran a conseguir representación nas Cámaras do Estado aproveitaron até o último momento da xornada para intentar mobilizar unha porcentaxe de voto indeciso que cifran en 20%. As proxeccións que manexan as formacións sitúan BNG e PSdeG en posición de arrebatar escanos ao PP nas catro circunscricións da Galiza, un resultado que condicionan máis de 442.000 galegas e galegos que aínda non se decantaron por ningunha papeleta.
Arriba á esquerda, Alfonso Rueda e Ana Pastor en Pontevedra; e á dereita, Daniel Castro, Carme da Silva, Ana Pontón, Néstor Rego e Noa Presas en Compostela. Abaixo á esquerda, José Miñóns e Valentín Formoso en Ferrol; e á dereita Borja San Ramón e Marta Lois en Laxe. (Fotos: Nós Diario)
photo_camera Arriba, á esquerda, Alfonso Rueda e Ana Pastor, en Pontevedra; á dereita, Daniel Castro, Carme da Silva, Ana Pontón, Néstor Rego e Noa Presas, en Compostela. Abaixo, á esquerda, José Miñóns e Valentín González Formoso, en Ferrol, e á dereita, Borja San Ramón e Marta Lois, en Laxe. (Fotos: Nós Diario)

A   campaña electoral   dos comicios estatais que decorrerán este domingo chegou esta sexta feira ao seu fin cun escenario aberto e que se dilucidará após o feche das urnas. Unha xornada na que serán fulcrais as indecisas e os indecisos, que as proxeccións que manexan as formacións políticas sitúan próximas a 20% do total do corpo electoral galego. Isto é, arredor de 442.000 persoas aínda non decidiron a que formación darán os seus votos, entre os que son maioría as mozas e os mozos, cuxo sufraxio será decisivo na asignación dos escanos que están en xogo nas catro circunscricións da Galiza. 

A este respecto, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) incidiu nestes días de campaña en que está a disputar os escanos ao Partido Popular (PP) en cada unha das catro circunscricións galegas. En Lugo, a última sondaxe publicada polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) indicaba ao comezo da semana que o voto das indecisas ten en xogo o terceiro deputado do PP, o segundo do PSdeG e o primeiro do BNG. 

Esta situación electoral sitúa Lugo como unha praza chave, como exemplifica que o presidente español e candidato do PSOE á Presidencia, Pedro Sánchez, dese anteone nela o seu único mitin de campaña na Galiza, e que o ex presidente popular Mariano Raxoi arroupase tamén na quinta feira na mesma cidade os candidatos lucenses nun concorrido acto no casco histórico.

Na circunscrición de Ourense, as sondaxes publicadas no último día legalmente permitido para a súa difusión en prensa -a segunda feira- sitúan tamén en xogo un escano nacionalista, que o BNG arrebataría ao PP, mentres que nas da Coruña e Pontevedra, as proxeccións que manexan as formacións políticas indican que a suma das forzas progresistas e nacionalistas superarían os sufraxios conseguidos polo PP.

As enquisas do CIS outorgaban ao comezo da campaña electoral entre 8 e 12 escanos ao PP, entre 2 e 3 ao BNG, mentres que asignaba entre 7 e 10 ao PSdeG e 2 a Sumar. Nesta liña, os últimos actos dos partidos, decorridos nesta sexta feira, estiveron orientados precisamente a mobilizar o voto do electorado indeciso e a inclinar a balanza electoral cara o seu lado.

6,2% do censo votou por correo

Fronte ás 442.000 persoas que aínda non decidiron o seu voto, un total de 138.601 galegos e galegas xa tiñan enviado o seu voto -esta sexta feira ao mediodía- a través do sistema de correo, isto é, 6,2% do censo de residentes nas catro circunscricións da Galiza. Con estes datos, facilitados por Correos e que fan referencia ao feche da xornada da quinta feira –último día para votar en procesos habituais pero que se estendeu até onte ás 14 horas pola elevada demanda–, o voto por este sistema multiplica por tres o emitido así nas últimas estatais de 2019, cando foron 44.301 votos os recibidos en custodia.

Rueda e Feixoo fecharon a campaña na Coruña

No serán desta sexta feira, o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, arroupou na Coruña o candidato popular á Presidencia do Goberno español, Alberto Núñez Feixoo, no feche de campaña do PP. A explanada do Palexco acolleu un acto no que situaron o Partido Popular como "gañador nas municipais e nas autonómicas", emprazando a súa base electoral a conseguir que a formación sexa líder tamén nos comicios estatais. 

Previamente, pola mañá, o presidente da Xunta e do PP galego, Rueda, xuntouse en Pontevedra con integrantes de Novas Xeracións, formación xuvenil do partido, precisamente apelando á mocidade, grupo maioritario entre a porcentaxe de galegos e galegas indecisas. 

Rueda, pola súa parte, acompañado doutros integrantes do partido, realizou un recorrido a pé polo centro de Pontevedra, nun acto no que aproveitou para afirmar que as referencias á relación de Alberto Núñez Feixoo co narcotraficante Marcial Dorado son a "evidencia" da "desesperación do PSOE para intentar evitar" a súa "derrota severa". Tamén o propio Feixoo arremeteu esta sexta feira contra Pedro Sánchez por utilizar na campaña o "lixo" de Dorado para intentar "desprestixialo" recalcando que Sánchez "sabe" que el "non tivo xamais nunca nada que ver en relación coa actividade final deste señor", aludindo ao narcotráfico. De feito, Feixoo sinalou que cando el coñeceu a Dorado xa sabía que "fora contrabandista, nunca narcotraficante", a pesar de que naquela altura Dorado protagonizara os medios polas acusacións de narcotráfico contra el.

Pontón fechou na Coruña aspirando a un grupo forte

O BNG aspira a conseguir "un grupo forte" no Congreso, logrando representación por cada unha das catro circunscricións e pasando de un deputado a catro. Na Coruña, os xardíns de Méndez Núñez acolleron na tarde de esta sexta feira o último acto de campaña dos nacionalistas, no que a súa portavoz nacional, Ana Pontón, arroupou o candidato número un pola Coruña, Néstor Rego

Pontón apelou a concentrar no BNG todo o "voto de amor e orgullo de país" para lograr un grupo galego forte que "será decisivo" na conformación do próximo Goberno do Estado, e usar esa forza para "defender Galiza en Madrid". “Votar BNG é votar para que gañe Galiza”, proclamou a nacionalista.

Ademais, na mañá desta sexta feira a Pontón visitou Compostela acompañada dos candidatos das catro circunscricións, Néstor Rego, Carme da Silva, Noa Presas e Daniel Castro, para pedir ás galegas e aos galegos "votar coa cabeza e co corazón na Galiza".

O PSOE sitúa Ourense como praza chave

O Partido dos Socialistas de Galicia (PSdeG) fechou a campaña destes comicios en Ourense, nun acto no que o seu secretario xeral, Valentín González Formoso, asegurou que os socialistas son os "únicos" que están en disposición de “arrebatarlle un escano clave para a formación de Goberno á dereita nesta provincia". 

A praza elixida polos socialistas para facer o seu acto central no último día de campaña non foi casual, xa que afirman que están a tan "só 500 votos de arrebatar un escano ao PP" na circunscrición de Ourense. 

Por outra parte, Formoso acompañou o candidato socialista pola Coruña, o ministro de Sanidade José Miñóns, nunha visita á cidade de Ferrol, na que apelaron ao voto útil para "frear a últradereita e á dereita reaccionaria de Feixoo" e garantir os servizos públicos "por riba de todo". “Non pode haber un vicepresidente que negue o cambio climático ou os dereitos das mulleres", afirmou Formoso.

Sumar fecha a campaña cunha gran festa

Sumar Galicia celebrou o fin da campaña electoral cunha festa na Sala Capitol de Compostela. Nela, Marta Lois, candidata ao Congreso pola Coruña, afirmou estar segura de que "non vai gobernar a dereita". "Vai gobernar o Goberno onde vai estar Yolanda Díaz e Sumar Galicia", sentenciou, nun acto que tamén tivo compoñente musical.

Pola mañá, Lois visitou Laxe (comarca de Bergantiños) onde estivo acompañada, entre outros, do secretario xeral de Podemos na Galiza, Borja San Ramón, e de Fernando del Moral, concelleiro de Unidas Podemos en Laxe e candidato pola Coruña. Os de Yolanda Díaz percorreron a feira da vila apelando ao voto progresista este domingo 23 de xullo.

Comentarios