23-X

O cuarto e último escano, chave en Lugo e Ourense: quen ten opcións de levalo?

As formacións políticas lánzanse a polos votos que poderán ser decisivos nas circunscricións máis cativas do país para distribuír o último escano. Nestes comicios o voto CERA, após a fin do 'voto rogado', será máis determinante que nunca, pois as persoas emigradas con dereito a voto representan até unha de cada cinco electoras en Lugo e tres de cada dez en Ourense.
Unha parella vota nas eleccións municipais nunha mesa electoral en Portomarín (comarca de Lugo). (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Unha parella vota nas eleccións municipais nunha mesa electoral en Portomarín, na comarca de Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Os últimos escanos repartidos en cada circunscrición adoitan ser decisivos e, de cumprírense os prognósticos últimos prognósticos, tamén o serán na Galiza este domingo. A totalidade das enquisas publicadas no último mes devolve ao Partido Popular a vitoria en número de actas e, por termo medio, tamén se sitúa por riba da suma do resto de forzas políticas que obterían representación: 12, fronte ás 11 que se dividirían entre PSOE, BNG e Sumar. Con todo, se ben a maioría das sondaxes auguran un empate a dous entre PP e PSOE en Lugo e unha vitoria para os 'populares' de tres a un en Ourense, as dúas circunscricións máis cativas e polo tanto nas que é máis difícil gañar un asento no Congreso —repártense catro en cada caso—, hai algunhas que escapan da norma.

No caso de Lugo, a 'macroenquisa' do CIS difundida o pasado día 5 situaba o BNG con serias opcións de obter por vez primeira representación nesta circunscrición, da man dun Daniel Castro que se uniría a Carme da Silva, por Pontevedra, e Néstor Rego, pola Coruña, cuxos escanos dá por feitos a práctica totalidade das enquisas recentes. Outra enquisa, a última de Sigma Dos para El Mundo —publicada esta pasada segunda feira—, outorgaba tamén dous escanos para o PP e un para o PSOE, mais, desta volta, o cuarto en disputa recalaría na candidatura de Sumar, cuxo cabeza de lista é José Rodríguez Añón. Tamén no caso da formación impulsada pola vicepresidenta do Goberno español, Yolanda Díaz, estarían garantidas as actas pola Coruña, con Marta Lois, e Pontevedra, Verónica Martínez.

As opcións das nacionalistas de entrar no Congreso por Lugo, porén, serían algo maiores con base na media das sondaxes. Non será doado en ningún caso, pois cos datos dos anteriores comicios na man, o cuarto escano recaeu no PSOE, que obtivera 57.537 votos (32,3%), polo que o método de distribución da Lei d'Hondt concedeulle a súa segunda acta cuns 28.768 —resultado de dividir o total á metade—, mentres o PP levou as outras dúas con 68.530 (38,5%). En terceira posición ficara Galicia en Común, con 16.548 sufraxios (9,3%).

Faltáronlle, pois, uns 12.000 votos que o elevasen até arredor de 15% do total para entrar no reparto en detrimento de PP ou PSOE, en función da forza que adquira cada formación traducida en número de votos. Ese será o limiar que posibelmente marque o acceso ao cuarto e último escano non só en Lugo, senón tamén en Ourense. Nesta última circunscrición o promedio de enquisas concede ao PP tres deputados fronte a un do PSOE, achegándose a formación conservadora 50% dos votos.

Porén, a derradeira sondaxe de Infortécnica para La Región antes dos comicios —esta segunda feira— debullaba un escenario, se ben complexo, esperanzador para o Bloque, ao que lle estimaba, na terceira posición, 4,2% en intención directa de voto, fronte a 15,1% do PSOE e 21,6% do PP, que traducía nunha estimación de perto de 50% para os populares, algo menos de 30% para os socialistas e arredor de 9% para os nacionalistas que, en caso de resultar finalmente unha cifra uns cinco ou seis puntos superior, podería conceder a acta a Noa Presas.

Nas eleccións de novembro de 2019 o escenario na circunscrición de Ourense foi moi semellante ao de Lugo, con 39,8% de sufraxios para o PP, 33,5% para o PSOE e, no terceiro posto, 8% para Galicia en Común —Sumar agora, con base nas últimas enquisas, caería á cuarta praza—, e unhas cifras de votos tamén moi parecidas ás luguesas, pois o seu peso poboacional é moi próximo. O obxectivo do 15% podería decidir o resultado final. Os socialistas, para garantir o segundo escano tanto en Lugo como en Ourense, deberán ficar en rexistros semellantes aos da anterior cita electoral.

E se ben as enquisas son só números que estiman un futuro incerto até o momento de depositar o voto, as formacións políticas saben do seu poder de mobilización e, con estes prognósticos na man, chaman a acudir ás urnas este domingo para obter o ansiado último escano. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, desprazouse esta quinta feira até Ourense para arroupar Noa Presas e tratar de mobilizar o voto cara á súa formación: "Estamos a disputar un escano ao PP e ímolo conseguir para darlle futuro, igualdade e respecto a esta provincia".

Pontón extrapolou esta situación á circunscrición veciña de Lugo, onde tamén pediu apoio para gañar o último escano "a costa do PP". Hoxe reiterou a súa mensaxe: "Cada escano que gaña o BNG e un que perde o PP de Feixoo". E os conservadores, coñecedores dese panorama que presentan as enquisas, axitan tamén o seu electorado para evitar que quede na casa e poder así obter unha terceira acta: "Faltou nada para facernos coa Deputación de Lugo e faltou nada para que Elena [Candia] fose a alcaldesa de Lugo, pero as cousas son como son e o que temos que traballar, os pouquiños días que quedan de campaña electoral, é que non teñamos que dicir que nos faltou nada para ter o terceiro deputado pola provincia de Lugo", sinalou nun mitin desde a cidade amurallada, tamén hoxe, o ex presidente do Goberno español Mariano Raxoi.

E até esta mesma cidade desprazouse esta quinta feira, de igual modo, o presidente do Goberno español e candidato socialista á reelección, Pedro Sánchez, que decidiu dedicar os últimos días de campaña a visitar aquelas circunscricións nas que as enquisas albiscan un panorama máis apretado, e entre elas ve a de Lugo. O seu obxectivo, igual que o do resto de forzas en liza, non é outro que mobilizar o electorado e garantir un segundo escano que pode ser crucial na foto final que deixen as eleccións.

A importancia do voto CERA: un de cada cinco en Lugo, tres de cada dez en Ourense

Decisivo será tamén o voto das persoas que non residen na Galiza, case medio millón —unhas 472.000, máis concretamente— na que será a primeira cita electoral sen o chamado "voto rogado" e coa vista posta nunha posíbel suba da participación que podería condicionar máis que nunca o resultado final nas catro circunscricións galegas. O censo de residentes ausentes (CERA) representa no país nada menos que 17,2% do electorado total, alcanzando 21% en Lugo e até 30% en Ourense. É dicir, que nesta última circunscrición tres de cada dez persoas con dereito a voto non viven actualmente fóra da Galiza.

En total, hai 144 países nos que están rexistrados galegos e galegas, dos que en 89 hai 50 ou menos votantes e, dentro deles, en 19 existe unha única persoa censada; noutros 14 países, dúas. Arxentina fica á cabeza como o país con maior peso da emigración galega, con 165.933 persoas con dereito a voto nestas eleccións —máis do dobre do censo, por exemplo, da cidade de Santiago de Compostela—. Séguena Cuba (44.831), Brasil (44.665), Uruguai (36.667) e Suíza (33.921).

Comentarios