23-X

Pontón reivindica o BNG como "a única formación coas mans libres para facer valer Galiza"

"É o momento de levantarse con decisión, de votar co orgullo que os galegos e as galegas temos polo noso apostando pola papeleta do BNG", defende Rego.
Ana Pontón fechou a campaña na Coruña con Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón fechou a campaña na Coruña con Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, volveu pedir o voto esta sexta feira para a formación nacionalista convencida de que teñen "ao alcance da man" lograr "un grupo galego forte" no Congreso ao estar a "disputar escanos ao PP nas catro provincias". No acto de feche de campaña, que se celebrou na tarde desta sexta feira na Coruña, a líder do Bloque destacou que "non é o momento de votar con medo, nin de votar polo mal menor, senón de votar con ilusión con esperanza para facer valer Galiza e para frear á dereita de Feixoo". "Para iso vale un grupo galego forte", reivindicou.

Así, volveu insistir en que este 23 de xullo o BNG vai "facer posíbel" o que lles din que "é imposíbel" e, para conseguilo, apelou a todas as persoas que xa confiaron no Bloque nos comicios galegos e municipais: "Se volvedes repetir ese apoio, esa confianza, haberá grupo galego forte".

Á súa vez, pediu concentrar no BNG "todo o voto rebelde, inconformista e de país", sabendo que "cada escano que gaña o Bloque é un escano menos para Feixoo de ganchete con esa extrema dereita antigalega".

Pontón tamén destacou que a formación que lidera é "a única coas mans libres para facer valer Galiza" fronte a unhas forzas estatais "que se alternan na discriminación ao país". "Vemos o empeño das forzas estatais en darnos leccións sobre o voto útil, e gustaríame dicirlle aos galegos e ás galegas que un só deputado do BNG foi máis útil para Galiza que os 22 restantes, que fixeron o de sempre: dicir unha cousa aquí e facer a contraria en Madrid", subliñou.

A portavoz nacional concluíu facendo un chamamento específico á mocidade para que se mobilice e "encha as urnas de rebeldía para defender unha Galiza na que a mocidade teña futuro, unha Galiza verde que loita contra o cambio climático, diversa, inclusiva, na que poidan ser o que queiran ser".

Pola súa parte, o candidato ao Congreso pola Coruña e actual deputado, Néstor Rego, pediu o apoio ao BNG desde a "lexitimidade que dá ter cumprido a palabra dada, ter defendido a Galiza durante catro anos e ter trasladado a Madrid a cartografía dos principais temas que afectan ao noso país, para poñer fin á discriminación histórica, para esixir compensación para o déficit que padecemos".

"Necesitamos, máis que nunca, xuntar os votos que queren unha Galiza con dereitos, os votos de quen apoiou o BNG nas eleccións municipais e nas galegas e os defraudados do abandono ao noso país por parte dos deputados e deputadas galegas de partidos estatais, con ese apoio teremos un grupo galego forte para facernos valer. É o momento de levantarse con decisión, de votar co orgullo que os galegos e as galegas temos polo noso apostando pola papeleta do BNG", dixo.

Comentarios