Parlamento

O PP impide que o Parlamento galego demande máis porcentaxe de vivenda pública na Galiza

O BNG reclamaba que fose 5% do total en 2040.
Construción de vivenda protexida no barrio do Castiñeiriño, Compostela (Foto: Arxina).
photo_camera Construción de vivenda protexida no barrio do Castiñeiriño de Compostela. (Foto: Arxina).

O Parlamento galego non instará á Xunta da Galiza a aumentar a porcentaxe de vivenda pública, nin a planificar a correlación entre usos residenciais e turísticos, nin a fomentar a mobilización da vivenda baleira ou nin sequera a impulsar a declaración de áreas tensionadas.

A maioría do PP na Cámara galega impediu na mañá desta terza feira que se aprobase unha moción presentada polo BNG e que contemplaba todas estas peticións. A proposta, apoiada por Democracia Ourensá, recibiu a abstención do PSdeG.

A nacionalista Alexandra Fernández defendeu a iniciativa cualificándoa dun "gran pacto de país en materia de vivenda co obxectivo de mellorar a súa accesibilidade e calidade na Galiza".

A portavoz de Vivenda do BNG incidiu na importancia de que a oferta de vivenda pública acade na Galiza 5 % en 2040, dando prioridade á fórmula de adquisición, e rehabilitación de ser o caso, de inmóbeis baleiros en zonas de demanda de vivenda. Ademais,  dixo, cómpre “priorizar nos investimentos e no desenvolvemento de solo o modelo de vivenda de promoción pública en réxime de aluguer”.

Para María Deza (PP), a política de vivenda que está a desenvolver a Xunta é a "adecuada" e plásmase, apuntou, "nun aumento do orzamento" destinado a estas políticas. 

Axudas para a mocidade

O PP tamén vetou coa súa maioría que se aprobase outra moción a respecto da vivenda, desta volta presentada polo PSdeG e na que se demandaba, entre outras cuestións, aumentar "de maneira significativa" os fondos propios consignados polo Goberno galego para bolsas de aluguer para a mocidade.

A deputada socialista Silvia Longueira criticou o “desleixo” na xestión da vivenda por parte da Xunta, da que dixo que en 2024 só executou 36% do programa de acceso á vivenda.

A popular María Deza xustificou a negativa do seu grupo a apoiar esta moción en que o Goberno galego xa xestiona e impulsa axudas deste tipo, ao tempo que cargaba contra a xestión do Estado neste campo.

Comentarios