O PP veta que os 650.000 euros para pagar cregos no Sergas se destinen a contratar persoal sanitario

Tirou de maioría para manter ese diñeiro público para pagar 52 sacerdotes no servizo público de saúde galego. 

feijoo xunta cregos ofrenda
photo_camera Imaxe: Xunta

No sistema público galego de sanidade seguirá a haber sacerdotes pagados con cartos públicos a ofrecer servizos relixiosos. O PP fixo valer esta terza feira, 11 de abril, a súa maioría absoluta para botar abaixo a proposta do PSdeG que solicitaba que eses cartos públicos se destinasen a outros fins, como contratar profesionais da sanidade pública.

O portavoz de Sanidade do grupo socialista, Julio Torrado, defendeu que “é máis importante contratar médicos, enfermeiros, fisioterapeutas, psicólogos...que cregos”. A modo de exemplo, Torrado apuntou que con esta partida de 650.000 euros poderían ser contratados 15 médicos de primaria para pobos que o necesitan ou que non teñen médicos substitutos, 20 fisioterapeutas, 15 médicos de urxencias ou 25 enfermeiros de atención primaria.

Por outra banda, Torrado expuxo que os sacerdotes contratados nin sequera están presentes de forma permanente nas instalacións hospitalarias, embora ter contratos a xornada completa ou temporal, e tampouco se coñece a súa situación e condicións laborais, polo que “hai dúbidas do funcionamento real” destas contratacións. 

Comentarios