Representantes do executivo galego rexeitaron publicamente que a Xunta de Galiza se opoña á entrada en vigor do repagamento farmacolóxico para doentes crónic@s. Así o aseguraron a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, e o vice-presidente, Alfonso Rueda, en senllas declaracións públicas.
Malia as duras críticas dos grupos da oposición e o rexeitamento da sociedade, o goberno liderado por Alberto Núñez Feijóo asegurou que continuará adiante coa aplicación no Sergas do decreto polo que se instaura o re-pagamento de fármacos de prescrición hospitalaria aprobado polo Ministerio de Sanidade español. Neste senso, Rueda indicou que a medida entrará en vigor no noso país "en canto sexa posíbel" á espera de se desenvolveren "as xestións para proceder á súa aplicación".
Desde a consellaría encabezada por Rocío Mosquera aclararon que se até o momento non se procedeu ao cobro destes fármacos --que atinxen na súa maior parte enfermidades crónicas de tratamento prolongado e custe elevado-- foi por razóns prácticas pois, aclarou, "non rematamos a dotación tecnolóxica ou as mudanzas no programa informático que se precisa". Porén, sinalou o vice-presidente Alfonso Rueda, "a normativa entrou en vigor" polo que "en canto sexa posíbel comezarase a aplicar".
A razón pola o goberno galego mantén a súa firme vontade de aplicar o re-pagamento --face a decisiós adoptada por outros executivos do Partido Popular como o de María Dolores de Cospedal en Castela A-Mancha é que se trata dunha norma estatal "que debe ser aplicada" e "en Galiza ímolo facer", explicou Rueda aos medios de comunicación. Neste senso, para a conselleira de educación, a medida "non é un tema económico" senón de "homoxeneidade" entre territorios e procura "non discriminar" @s pacientes en función da "comunidade autónoma" da que procedan. No entanto, diversas administracións territoriais en mans do PP como Madrid, Valencia ou Castela León xa avanzaron que recorrerán a norma ou asumirán o custe dos fármacos para non gravar a saúde das persoas.
En troca, a Xunta de Alberto Núñez Feijóo asegura que se aplicará embora non ter "unha data" fixa.