A CIG asina coa UDC un acordo "histórico" de aumento salarial para o persoal investigador

Segundo explican dende a federación de Ensino, a nivel inmediato supón unha suba mínima de 7% na nómina de outubro, que poderá chegar a 9 ou 9,5% cando se aplique o incremento xeral para o persoal das Administracións Públicas correspondentes ao ano 2024.
Facultade de Informática da UDC (Foto: Galipedia).
photo_camera Facultade de Informática da UDC (Foto: Galipedia).

A CIG-Ensino vén de asinar coa Universidade da Coruña (UDC) un acordo "histórico" de suba salarial desde 2022 para todo o persoal "ao que se lle negaba esta dereito". O pacto, que beneficia a centos de persoas, evita a vía xudicial do conflito colectivo presentado pola central sindical e recoñece as subas retributivas do persoal de investigación, equiparado deste modo co PDI funcionario e laboral.

Segundo explican dende a federación de Ensino, a nivel inmediato supón unha suba mínima de 7% na nómina de outubro, que poderá chegar a 9 ou 9,5% cando se aplique o incremento xeral para o persoal das Administracións Públicas correspondentes ao ano 2024. Ademais, en xuño terá lugar unha negociación para fixar os prazos para o pagamento dos atrasos derivados dos anos 2022 e 2023, que suman 7%.

Tras varias reunións nos últimos meses, cos conseguintes aprazamentos do xuízo polo conflito colectivo promovido pola CIG-Ensino contra a UDC, ambas partes chegaron o pasado 16 de maio a un acordo que se rexistrou o día 23 no Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), nun acto de conciliación "que remata coa discriminación salarial que sofre o persoal".

O resultado é o recoñecemento do dereito á suba salarial anual, recollida nos orzamentos xerais do Estado, que perciben todas as empregadas públicas. Este dereito non se recoñece en ningunha universidade galega, motivo polo que a CIG-Ensino promoveu tres demandas contra a UDC, a USC e a UVigo.

No caso destas dúas últimas universidades houbo que chegar a xuízo e terá que ser o Tribunal Supremo quen fixe xurisprudencia definitiva. No caso da UDC, o novo equipo reitoral amosou receptividade desde a súa toma de posesión ás propostas trasladadas dende o sindicato. A proposta final do acordo satisfai a ambas partes e implica un esforzo económico importante para a institución que "levará a un feito histórico: todo o persoal da UDC verase afectado polas subas salariais anuais".

Suba en outubro e pagamento de atrasos

O acordo implica que todo o persoal a quen non se lle subiu o salario conforme ás subas xerais do 2022 e 2023 terá un aumento mínimo de 7% directo e consolidábel na súa nómina de outubro. A este contía haberá que engadirlle 2% a maiores en canto o Goberno español autorice o pago de 2% comprometido para o ano 2024 e que está sen efectuar ao prorrogárense os orzamentos de 2023. Por tanto, cando a UDC faga efectiva a suba de 2% de 2024 terá que facelo xa para todo o persoal.

Para facer fronte ao pagamento dos atrasos desde 2022, xa que a demanda da CIG-Ensino permitía retrotraer o dereito aos atrasos ao comezo dese ano, o sindicato negociará coa UDC un calendario de pagamentos que garante as contías íntegras. A negociación para fixar ese calendario e fixar os prazos para facer efectivos os pagamentos terá lugar no mes de xuño de 2024.

Comentarios