"A maior fraude do Nadal en Vigo". Deste xeito denomina a feira de Nadal 'Cíes Market' de Vigo Transi Fernández de CIG-Servizos. A actividade, un dos puntos fortes da promoción da cidade nestas datas, ten un escuro trasfondo que a central sindical deu a coñecer nunha rolda de prensa na que participaron algunhas traballadoras da feira. As diferentes denuncias que formularon comezan desde o mesmo proceso de licitación da feira. "O alcalde asegurara que este tipo de feiras de Nadal crearía emprego e medraría a economía na cidade e non é certo", afirma Fernández. Para confirmar esta idea presenta información pública "que se pode consultar na propia páxina web municipal".
O proceso de licitación foi para unha asociación madrileña, a Agrupación de Empresarios na Organización de Eventos, Ferias e Mercados da Comunidade de Madrid (AMFE). "Estaba concedido en maio", asegura Sefi Romero de CIG-Banca, "publicouse na plataforma de contratación do Estado o 14 de novembro con prazo até o día 21 de novembro e un xornal da cidade publicou que estaban coa instalación o 20 de novembro, un escándalo". O prezo de licitación foi de 1 euro malia que logo AMFE alugara os postos por cifras que podían chegar a 8.000 euros. "Unha parte dos espazos que non alugaban xestionounos directamente a través da Empresa de Emprego Temporal (ETT) Synergie".
Precariedade laboral
"As propias traballadoras denuncian unha situación que para nós é escravismo puro e duro", asegura Transi Fernández. Segundo o sindicato as condicións laborais dos contratos que se fan "non se cumpren, os horarios son falsos e logo as categorías nas que traballan son outras diferentes das que lles dixeron", engade. A chamada que realizou a ETT antes de comezar a funcionar era de 100 postos de traballo polo que acudiron persoas de Vigo e de toda a comarca. "Xente de Ponteareas, de Pazos de Borbén, do Morrazo que tiñan que vir até Vigo e que moitas veces non traballaban", explica Sefi Romero. Suspensións de última hora por mal tempo e sen ningún tipo de compensación e xornadas de 12 horas ininterrompidas son outras "singularidades" da feira denunciadas por CIG.
Falta de hixiene
A falta de hixiene é unha constante na feira desde o inicio, segundo denuncia CIG. "O persoal non ten o carné de manipulación de alimentos e non hai hixiene nos postos", relata Transi Fernández, "non empregan luvas, non teñen roupa axeitada e a que teñen están obrigadas a deixarlla logo do uso do día á compañeira da seguinte quenda", engade. A sindicalista explica que a empresa alugou as instalacións do antigo BBVA para empregar como almacén. "O primeiro día non tiñan nin auga nin luz e tiveron que limpar coa luz de móbiles", asegura Fernández.
Desde CIG pensan que a oposición municipal debería de ocuparse deste tema pola súa gravidade
O local continúa a funcionar como almacén e as propias sindicalistas puideron comprobar que no seu interior a feira garda bebidas e alimentos sen ningún tipo de refrixeración. "Comprobamos que había pizzas e salchichas sen ningún tipo de protección", conta Fernández, "se a cidadanía vai mercar a esta feira que saiba que paga un prezo moi por riba do normal en alimentos nesas condicións".
Por outro lado desde CIG pensan que a oposición municipal debería de ocuparse deste tema pola súa gravidade. "Como sindicato non podemos ocultar esta situación". O sindicato denunciou esta quinta feira o "incumprimento" da normativa de seguridade alimentaria na feira 'Cíes Market' diante a Sanidade e o Concello de Vigo con varios escritos presentados nos seus rexistros. Ademais remitiu outro á Inspección de Traballo para poñer no seu coñecemento as condicións laborais do seu persoal.