A CIG denuncia a "precariedade laboral" e a discriminación das mulleres en Mercadona

O sindicato asegura que a meirande parte de encargados da empresa son homes.
Traballadora nunha peixaría de Mercadona. (Foto: Mercadona)
photo_camera Traballadora nunha peixaría de Mercadona. (Foto: Mercadona)

A secretaria nacional de CIG-Servizos, Transi Fernández, denunciou esta quinta feira a política de contratación a tempo parcial de Mercadona que, segundo os datos fornecidos pola central sindical, afecta de maneira maioritaria as mulleres.

As cifras referentes ao segundo trimestre do ano advirten de que a empresa conta na circunscrición de Pontevedra con 1.059 persoas traballadoras, das cales son 77% mulleres e 23% homes.

“Deste persoal, 693 (65,44 %) persoas teñen contrato a xornada completa e 366 (34,56%) a xornada parcial -maioritariamente 20 horas e 15 horas para os de fin de semana-. No último trimestre a empresa realizou 163 contratacións das cales 80 contratos foron a tempo parcial o que supón un 49,07% dos contratos”, apunta. Unhas cifras que son similares, asegura a CIG, no resto do país.

O sindicato nacionalista explica que o Plan de Igualdade publicado recentemente pola empresa con datos de todo o Estado, recolle que “o 64% de xerentes A, persoal de atención ao público, son mulleres. Porén, no caso de xerentes B, encargados, o 71% son homes”.

“Xunto a isto apunta que en 2022 promocionaron 1.083 persoas das cales o 48% eran mulleres”, engade a CIG, que critica, a través da secretaria nacional da federación de Servizos que a empresa non informa da porcentaxe de cargos de xerente C, a máxima responsabilidade.

Temporalidade

Fernández denuncia que malia que a empresa recolle no Plan de igualdade que as persoas con contrato a tempo parcial terán preferencia para aumentar a súa xornada, “na realidade non se aplica ese criterio e no verán do 2023, en Pontevedra, as traballadoras fixas descontinuas, ao chegar o mes de setembro, foron despedidas".

"A empresa que ante a cidadanía pregoa ser exemplar está demostrando que se suma a moda de contratar a xornada parcial", engade, coa maioría dos contratos parciais a mulleres, "fomentando a precarización e a feminización do sector e creando unha fenda maior salarialmente". 

Esta situación, advirte a responsábel da CIG-Servizos, “terá graves consecuencias nas pensións futuras á hora da xubilación, cando xa a día de hoxe a diferenza entre a pensión dunha galega e a dun galego é de 391,23 euros mensuais, superando xa a fenda de xénero o 34%". Mercadona, lembra a CIG, aumentou nun 40% os seus lucros netos en 2023, superando un beneficio de 1.009 millóns.
 

Comentarios