A CIG leva ás rúas a reivindicación de dereitos laborais, salarios e pensións dignas

Centos de delegados da central nacionalista realizaron asembleas e mobilizáronse nas sete principais cidades do país máis Vilagarcía de Arousa.

2016-12-14 AsembleaManifaVigo06

A perda da maioría absoluta polo Partido Popular permite que haxa certa marxe para poder reverter algunhas das medidas máis lesivas contra os dereitos laborais aprobadas durante a anterior lexislatura. Que se afonde neste camiño, de cara a recuperar dereitos laborais, salariais e condicións de traballos dignas é a demanda que centos de delegados da CIG levaron esta cuarta feira ás rúas das sete cidades galegas máis Vilagarcía. Após as respectivas asembleas na Coruña, Ferrol, Lugo, Compostela, Vigo, Pontevedra, Ferrol e a cidade arousá, os delegados realizaron concentracións e manifestacións.

A central nacionalista considera que nesta nova etapa a mobilización social continúa a ter un papel fundamental para exixir que se leven a cabo cambios que revertan e poñan fin a medidas como as reformas laborais. Canda esa derrogación, desde a CIG sitúase a defensa da negociación colectiva e a loita por un sistema público de pensións dignas, como actuacións que permitirían camiñar cara emprego, salarios e condicións de traballo dignas.

O secretario xeral do sindicato, Suso Seixo, afirmaba estes días que “estamos traballando nunha táboa reivindicativa na que se concretarán estas cuestións partindo fundamentalmente do que xa temos analizado e publicado en base a dous documentos: as 100 medidas para a recuperación económica e a creación de emprego e as propostas en materia laboral e social”.

Unha das demandas presentes nestas mobilizacións foi a defensa dun sistema público de pensións. O sindicato nacionalista demanda que se derroguen as reformas de 2011 e 2013 e que se adopten as medidas precisas para garantir unhas pensións dignas.

Comentarios