A CIG mobilízase nas cidades a prol do "dereito a unha xubilación digna para todas e todas"

Antes das mobilizacións diante das sedes do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS), o sindicato mantivo asembleas para analizar o contido da reforma da xubilación parcial e da anticipada por coeficientes redutores.
Paulo Carril, no centro, na protesta da CIG en Pontevedra (Foto: Nós Diario).
photo_camera Paulo Carril, no centro, na protesta da CIG en Pontevedra (Foto: Nós Diario).

Centos de delegados e delegadas da CIG saíron esta cuarta feira ás rúas das sete cidades galegas para reclamar que se garanta "o dereito a unha xubilación digna para todas e todas", nun contexto no que o Goberno español está a negociar cos sindicatos CCOO e UXT unha modificación da xubilación parcial e da anticipada por coeficientes redutores que "ameaza con introducir novos recortes no sistema público de pensións". Antes das mobilizacións diante das sedes do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS), o sindicato mantivo asembleas para analizar o contido da reforma.

En resposta á falta de información sobre o que se está a negociar, a CIG ten en marcha unha campaña para reivindicar transparencia, que se teñan en conta as súas propostas nestas materias e os seus dereitos de participación institucional. 

Neste sentido, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, alertou "dunha negociación escurantista no marco do chamado diálogo social entre UXT, CCOO e a patronal", a pesar de ser "unha cuestión tan importante o dereito a unha xubilación digna".

Representación institucional

Ademais, o secretario xeral da CIG lamentou que "menos  de 15 meses despois da última reforma do sistema público de pensións que endureceu as condicións de acceso a unha prestación digna están a negociar de forma ilegal -por canto o fan fóra dos órganos de representación institucional nos que a CIG tiña que estar presente- acabar coa xubilación parcial aos 61 anos, dereito que aínda ten o persoal da industria manufactureira, e elevala até os 63, cando se fala da necesidade de rexuvenecer os cadros de persoal".

Por este motivo, Carril insistiu na necesidade de abrir un debate social e se convoquen os organismos de participación institucional "para que todos os sindicatos máis representativos -entre eles a CIG- poidan trasladar as súas propostas e garantir que o proceso sexa democrático e máis xusto no seu resultado".

Comentarios