Xornada de concentracións por un convenio galego do persoal dos centros de atención á discapacidade

Actualmente réxense polo convenio estatal. Denuncian a precarización sufrida nestes anos, con perda de poder adquisitivo e aumento da xornada laboral. 

Centros de atención discapacidade @susobermello
photo_camera Imaxe: @susobermello

Ao longo desta quinta feira van decorrer concentracións diante de todos os centros de atención a persoas con discapacitade en Galiza que non son de xestión directa, unhas mobilizacións coas que o persoal demanda un convenio galego para o sector, defendendo que esta vía é a que pode axudar a poñer fin e reverter a precarización do colectivo. Desde a CIG-Ensino lémbrase que estes centros están xestionados por organizacións e entidades sen ánimo de lucro e financiadas maiormente con fondos públicos (entre un 60 e un 90% do seu orzamento.

De feito, a Xunta ten transferidas as competencias de subvención a estes centros. De aí que este sindicato lembre que a administración galega ten as súas responsabilidades. Por exemplo, para promover mesas de negociación tanto coas asociacións e federacións como coa representación social, de cara a sentar as bases para acadar un convenio galego de sector que permita mellorar as condicións laborais e salariais, así como a calidade do servizo que se presta.

Na actualidade estes traballadores están regulados polo XIV convenio estatal do sector e, explica CIG-Ensino, desde o IX convenio sofren unha “involución constante” nas súas condicións. Así, tiveron unha mingua no poder adquisitivo de máis do %5, o que se traduce en 4.000 euros menos acumulados neste ano; incrementóuselle a xornada laboral, recortáronsellle días de vacacións...

Comentarios