Continúa a greve indefinida na xustiza ao fracasar a negociación entre Xunta e sindicatos

Os sindicatos lamentan a actitude da administración e afirman que “a pelota está no seu tellado”.

comité de greve @alternativaaxus
photo_camera Representantes dos sindiatos na negociación @alternativaaxus

A greve indefinida na administración de xustiza de Galiza continúa ao non haber acordo na negociación desta segunda feira entre sindicatos e Xunta. Van xa catro días de paro, centos de xuízos suspendidos e o acordo non semella próximo, máxime despois do fracaso da negociación desta segunda feira.

Desde os sindicatos laméntase a actitude dos representantes da Xunta. En dúas cuestións fulcrais da táboa de demandas dos traballadores e traballadoras a actitude foi de “enroque”, en palabras de Pablo Valeiras, un dos portavoces dos grevistas: o desconto por enfermidade (que non padecen noutros territorios do Estado mais si en Galiza) e o tema económico. “Neste punto presentamos unha proposta na que baixabamos 18% a demanda a respecto da primeira que fixemos”, explica Valeiras en conversa con Sermos Galiza o finalizar o encontro.

Os sindicatos lembran que a xuntanza desta segunda feira realizouse a petición e instancias das centrais, polo que agora o novo paso correspondería á Xunta. “A pelota está no seu tellado”, indican. É a administración a que ten nas súas mans as propostas dos e das traballadoras do sector e quen debe decidir ao respecto.

Mentres, continúa o paro indefinido. Esta cuarta xornada tivo un seguimento “masivo” segundo as centrais, que cifran a asistencia ao paro en por volta do 95% en Vigo e Pontevedra e en porcentaxes tamén altas no resto do país.

Comentarios