A Coruña mobilízase contra o ERE de Extel

Greve e manifestación contra o expediente que pretende despedir 205 traballadores da plataforma coruñesa da teleoperadora, o 58% de todos os despedimentos que ese ERE propón no Estado.

CuGsI2pXEAAsAGh
photo_camera Imaxe: @TraballadoAlcoa

Unha greve en Extel secundada masivamente (por volta do 99% dos traballadores secundaron o paro) e unha moi nutrida manifestación amosaron o rexeitamento frontal na Coruña ao ERE proposto pola empresa e que prevé despedir 205 operarios na plataforma coruñesa, o 58% de todos os despidos que o expediente prevé no Estado. A xornada comezou cunha greve, convocada en todo o sector de centros de chamada, contra o bloqueo do convenio colectivo e que na Galiza tivo un seguimento moi alto. Nomeadamente na Coruña.

Extel pretende despedir 205 traballadores no seu centro da Coruña no marco do expediente de regulación de emprego (ERE) que afecta a 355 empregados en todo o Estado. O peso principal do expediente, pois, recae na cidade galega, que soportará o 58% dos despedimentos. Un de cada cinco traballadores de Extel na Coruña (onde ten 900 traballadores) terá que ir ao paro, segundo os plans da empresa. A compañía de telemarketing prevé botar 104 empregados en Zaragoza, 29 en Alcobendas, 13 Hospitalet e 4 en Málaga.

A mobilización que decorreu pola tarde denunciou o que consideran unha fraude. A empresa xustifica a medida en cuestións como a produtividade ou as organizativas, non económicas, pois continúan a ter beneficios millonarios. “Somos subcontratas de grandes empresas (Telefónica, banca...), que son as que marcan o que queren e hai que cumprilo, aínda que iso supoña exprimir ao máximo os empregados, recortar”, denunciaron desde a CIG.

Comentarios