Denuncian na Valedora do Pobo que Correos fixo mil contratos “a dedo” na provincia da Coruña

CGT denuncia que Correos emprega a figura do “idóneo” para “cubrir contratos eventuais e leva ano e medio formalizando contratos a persoal enchufado, e seleccionado a dedo sen mediar ningún tipo de proba de selección coñecida e transparente”.

CGT Correos Xan Xove
photo_camera Imaxe: CGT

No mesmo día que Javier Cuesta, presidente de Correos, visitaba Compostela o sindicato CGT denunciaba perante a Valedora do Pobo o que cualifica de “contratación irregular”. O sindicato calcula que en ano e medio o número de contratos efectuados por Correos na provincia coruñesa a persoal de fóra de bolsas da contratación “e sen mediar ningún tipo de proba selectiva obxectiva” pode chegar aos 1000 contratos.

“Coa excusa de non encontrar candidatos nas bolsas de contratación internas Correos esta a utilizar a figura do "idóneo" para cubrir contratos eventuais”.  CGT lembra que a última vez que Correos abriu as bolsas de contratación foi no 2012.

En novembro de 2016 Inspección de Traballo impuxo unha sanción grave en materia de contratación laboral a Correos por 600 contratos na provincia da Coruña sen pasar ningún tipo de proceso selectivo transparente.  Desde entón, aponta esta central, “esta forma de contratar non diminuíu, se non que máis ben aumentou nos últimos meses, debido as necesidades de contratación de Correos para levar adiante as entregas de notificacións pola tarde”.

Comentarios