Emprego, salarios e pensións dignas, principais reivindicacións deste 10-M

Este 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega, vén marcado pola situación laboral actual e a exixencia de derrogación das reformas de 2010 e 2012.  A CIG convoca manifestacións e concentracións en todas as cidades galegas, e CCOO centra os seus actos en Ferrol mentres que a CUT convoca a súa manifestación en Vigo.
Manifestación da CIG polo 10 de marzo en 2019 en Vigo (Nós Diario)
photo_camera Manifestación da CIG polo 10 de marzo en 2019 en Vigo (Nós Diario)

Loita obreira e represión cruzáronse o día 10 de marzo de 1972 en Ferrol para marcar esa data como o Día da Clase Obreira Galega no noso país.  Nas protestas dos estaleiros de Bazán por un convenio xusto caían asasinados pola policía franquista, naquela altura, dous obreiros: Daniel Niebla e Amador Rey. A súa lembranza reúne boa parte da loita sindical e ten unha especial carga simbólica para algunhas organizacións que presentan as súas principais reivindicacións.

CIG: "Na Galiza emprego, salarios e pensións dignas"

A CIG, primeira forza sindical na Galiza, terá un 10 de marzo especialmente reivindicativo co lema Na Galiza emprego, salarios e pensións dignas. Lembra nun comunicado que "Amador e Daniel" foron "a maior expresión da represión vivida" e chegaron a "mártires dunha loita pola dignidade, contra a precariedade das condicións de traballo, por salarios xustos e por defender a negociación colectiva na Galiza e non en Madrid". Para a central nacionalista "neste 2020, 48 anos despois, a loita continúa para a recuperación e conquista dos nosos dereitos". A CIG exixe a derrogación inmediata das reformas laborais do 2010 e 2012 "porque aumentan a extensión e o asentamento da precariedade laboral, os baixos salarios, a pobreza laboral, as facilidades e abaratamento do despedimento". 

A central realizará unha ofrenda floral en Ferrol (12.30 horas) e unha manifestación posterior nesa cidade (20 horas desde o local sindical da CIG na avenida de Esteiro). Tamén haberá manifestacións en Vigo (ás 18.30 horas desde a Dobrada), Compostela (20 horas desde a praza Roxa) e Lugo (20 horas desde o edificio sindical). A xornada reivindicativa complétase con concentracións na Coruña (ás 12 horas na Delegación do Goberno), Pontevedra (ás 12 horas na praza da Peregrina), Vilagarcía (ás 12 horas diante do INEM) e Ourense (ás 11 horas perante a Subdelegación do Goberno).

CCOO: "Memoria de loita e traballo"

Este ano, as reivindicacións que presidirán a manifestación de 10 de marzo de CCOO en Ferrol céntranse na crise industria. O lema deste ano é Memoria de loita e traballo, co que se reivindica "a necesidade de non perdermos a memoria, de ter moi presente de onde vimos, porque a traxectoria sindical de CCOO vén de moi atrás e ten un marcado verniz ideolóxico". Os actos deste sindicato polo Día da Clase Obreira Galega será unha ofrenda floral diante do Monumento ao Dez de Marzo (ás 11.30 horas) e unha manifestación con saída desde o monumento (ás 19 horas).

CUT: "Galiza ceibe e proletaria"

"Non hai conciencia de clase sen memoria histórica, e non hai loita obreira sen conciencia de clase", sinala nun manifesto con motivo 10 de marzo a CUT, "calquera outra lectura do 10 de marzo é só a tentativa de borrar a nosa memoria, unha farsa socialdemócrata", engaden. A central convoca unha manifestación o 10 de marzo ás 19.30 horas en Vigo (Cruce Vía Norte).

Premios 10 de marzo para Berta Trigo, Placido Cal e Palmyre Ros

Comisións Obreiras da Galiza (CCOO) e a Fundación 10 de Marzo entregaron este 7 de marzo os galardóns cos que cada ano homenaxean tres traxectorias de loita sindical e compromiso social. Este ano, os Premios 10 de Marzo foron para Berta Trigo Culler, Plácido Cal Faraldo e Palmyre Ros Ramos. Berta Trigo (Arousa, 1933), traballadora da conserva desde os 16 anos, durante décadas presidenta do comité de empresa e participou en diversos conflitos do sector. Plácido Ros (A Coruña, 1946), traballador do metal, desempeñou diferentes cargos e foi secretario comarcal do Metal de CCOO da Coruña. Palmyre Ros (Rennes, Francia, 1942) colaborou na publicación clandestina Alborada,  pioneira da reivindicación feminista na Galiza, fora detida e condenada polo Tribunal de Orde Pública.

Comentarios