Manifestacións nas cidades galegas pola industria e o emprego

Milleiros de manifestantes participaron nas manifestacións convocadas esta pasada quinta feira 30 de xaneiro pola CIG nas sete cidades galegas para exixir a derrogación das reformas laborais e defender a industria e o emprego na Galiza.
CIG

A CIG defendeu este 30 de xaneiro na rúa a derrogación total das reformas laborais e unha solución para a situación actual. As sete cidades galegas viviron un serán de manifestacións baixo o lema "Recupera os dereitos para avanzar. Na defensa da industria e do emprego" convocadas pola central nacionalista nunha data na que se trasladou tamén a solidariedade coa xornada de folga xeral que se desenvolveu en Euskadi e Nafarroa

Paulo Carril, secretario xeral da CIG, asegurou que estas manifestacións queren deixar claro que non agardarán "a que o Goberno español tome decisións como a que vivimos recentemente co SMI ou a suba do 0.9% das pensións, que en absoluto están á altura da emerxencia social que temos no noso país". Carril advirte da "urxente e necesaria" derrogación íntegra da reforma laboral, da negociación colectiva e das pensións, así como de todas as políticas de recortes nos servizos públicos "porque a profunda inxustiza social que están a causar non pode ter como solución estas tímidas e insuficientes medidas".

Aproveitando  a súa participación na manifestación de Lugo, Carril puxo a situación de Alcoa como exemplo das consecuencias de non abolir estas reformas e lembrou que tombar a reforma laboral significa que as decisións sobre os ERE deixarían de ser unilateralmente das empresas.

Comentarios