As Pontes clama polo emprego e "un futuro industrial"

Centos de persoas percorren a vila do Eume para reclamar "futuro industrial e con emprego" e que se cumprar as promesas cara o persoal das empresas auxiliares.
Mobilización do persoal das auxiliares esta quinta feira nas Pontes. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Mobilización do persoal das auxiliares esta quinta feira nas Pontes. (Foto: Nós Diario)

Unha manifestación percorreu eta quinta feira as rúas das Pontes (Eume) para exixir garantías de emprego para o persoal das empresas auxiliares que participaron nas tarefas de predesmantelamento da central térmica de Endesa nesta localidade e para que prosigan coa obra de desmonte do complexo. A protesta, convocada pola CIG, UXT e CCOO, comezou ás 20 horas nas inmediacións da praza do Carme desta vila. 

Ao remate da protesta, o responsábel local da CIG das Pontes, Óscar Maseda, chamou a intensificar a mobilización como único camiño para arrincar do Goberno estatal, da Xunta da Galiza e do Concello "actuacións concretas e reais, que comprometan e obriguen a Endesa e que dean solución ao declive industrial, económico e social que padece a vila e a súa contorna".

Denunciou, ademais, que dende o anuncio do feche da central, e  malia as masivas mobilizacións, "os gobernos foron incapaces de dar solución ás reivindicacións para a concreción de proxectos, prazos, garantías e emprego, garantindo a continuidade laboral do persoal da industria auxiliar neste proceso". Ao contrario, salientou, déixase todo o futuro da vila "nas mans dunha empresa privada como Endesa que se move en exclusiva en base aos seus intereses". Maseda criticou que "nin sequera se levaron adiante medidas para promover a formación e impulsar a reinserción e o futuro  laboral dos compañeiros e compañeiras da industria auxiliar, do transporte do carbón, ou do persoal trasladado de Endesa". 

Continuidade laboral

Fronte a esat situación, o responsábel sindical nacionalistareclamou a continuidade laboral para o persoal da industria auxiliar, un plan industrial que garanta a creación de emprego e o futuro económico da localidade, a creación de chan industrial que non dependa das instalacións de Endesa para axilizar a implantación de novas empresas "e proxectos laborais que deixen de ser promesas e se fagan realidade". 

Neste sentido, este sindicalista lembrou que desde que se deron a coñecer algunhas propostas, como foi o caso da fábrica de pneumáticos de Sentury ou as plantas de hidróxeno verde, delas "aínda non se chegou a colocar unha soa pedra" na vila das Pontes.  

Desde a central nacionalista aseguran que "non está garantida a continuidade no emprego de todo o persoal das auxiliares nin as condicións de traballo que se lles van a ofrecer". Inciden desde a parte social que no encontro realizado a pasada terza feira en Santiago -con presenza da Xunta da Galiza, Concello das Pontes e a propia Endesa- estes últimos trasladaron que, no mellor dos casos, "até dentro de dez días non decidirá a que empresa vai adxudicar as tarefas de desmantelamento". 

Desde a CIG cren que podería pasar moito máis tempo. Advirte que a licenza de obra "non está concedida", ao que hai que sumar "o tempo do proceso de selección, contratación do persoal e creación do novo centro de traballo", co que "pasarán meses até que os traballadores das auxiliares incorpórense ás obras de desmantelamento". 

O persoal das auxiliares no  desemprego

Segundo o secretario nacional de CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas Aboi, "os traballadores de auxiliares irán ao paro esta sexta feira", co que "se incumpre de novo o compromiso de continuidade do emprego e a promesa dunha transición xusta" e que "este proceso non se faría a conta das prestacións do paro do persoal".

O representante do sindicato nacionalista tamén incide en que nos últimos meses "ocultáronse as condicións nas que se contratou ao persoal, non se informou de cales eran as compañías subcontratadas" e que todo iso foi "co consentimento de Endesa, onde estas subcontratas non aplicaron o convenio do metal, como era preceptivo, e nin sequera mantivéronselle as condicións previas ao persoal que viña das auxiliares".

Neste senso, responsábel sindical denuncia que desde Endesa "o compromiso era que o persoal das auxiliares encadearía o traballo na central coas tarefas de predesmantelamento, mais non se cumpriu".

Comentarios