-Fálenos do seu caso. Por que cre que Ryanair tomou a decisión de a despedir?
No meu caso eu levaba con Ryanair desde o 2010. Non era unha persoa que acabase de comezar a traballar alí. En 2018 formouse todo o que foron os sindicatos dentro de Ryanair porque até aquel momento ninguén dera o paso. De feito, os contratos poñían que as traballadoras non podiamos afiliarnos a ningún sindicato.
Eu xa levaba bastante tempo barallando a posibilidade de nos enfrentarmos dalgún modo a Ryanair porque viamos que non se nos estaba tratando de forma adecuada, pareciamos escravas do século XXI. Tamén nos tiña acontecido que iamos a un banco pedir unha hipoteca e denegábasenos porque o noso contrato era irlandés.
En 2018 conseguimos que Ryanair nos recoñecese como traballadoras do Estado español e se nos aplicase a lei española. Tamén conseguimos que as nosas nóminas viñesen a bancos españois porque antes a nómina ía ao banco de Irlanda.
Entre algunhas das cuestións que conseguimos estivo que Ryanair sentase á mesa redactar o noso primeiro convenio colectivo. Cando empezamos as folgas desta ano foi porque a empresa decidiu unilateralmente levantarse das mesas do convenio colectivo e dicir que non ía negociar nada cos cadros de persoal.
-Ryanair recoñeceu que o seu despedimento foi por facer folga, non si?
Si. Xa nas folgas de 2018 despediran dous compañeiros por exerceren o seu dereito a facer folga. Agora está a acontecer o mesmo, desde que comezaron estes paros no mes de xuño, van 20 despedimentos en todo o Estado relacionados coa folga. De feito, as cartas de despedimento poñen explicitamente que é por teren asistido á folga.
-Pretenden continuar coa folga?
É a única saída que nos deixou Ryanair. Até que se volvan sentar á mesa e negociar seguiremos coa folga. Se mañá nos dixeren que están dispostos a negociar, non teriamos ningún problema en parar as folgas e voltar negociar. O problema é que a empresa non quere.
-Por tanto, a solución non está perto?
Non. Cremos que agora mesmo o que están a facer é unha 'limpeza' para desfacerse de contratos antigos. como é o meu caso, para substituílos por 'contratos basura'.
-Moitas das persoas que Ryanair está a despedir son substituídas por traballadoras estranxeiras. A que cre que se debe?
É a nova táctica que ten a empresa para minimizar o impacto da folga. Trae persoal estranxeiro porque saben que nós estamos moi concienciadas; e aínda que nos difamen e digan que son poucas as persoas que están a secundar a folga, non é certo. No Estado somos 2.000 tripulantes de cabina que secundamos a folga.
-Elena Cabrera, a portavoz da compañía no Estado español, dixo que as súas denuncias son mentira. Que ten que dicir ao respecto?
Esta persoa apareceu da nada. Esta persoa é Community Manager, nin sequera sabemos quen é nin de onde saíu. O que si sabemos é que unha das cousas que está a facer Ryanair é obrigar as persoas que acaban de contratar, a asinar con Comisións Obreiras, saltándose así a liberdade sindical. Fano ademais baixo ameazas e coacción.