Traballadoras da limpeza exixen contar con novos convenios "dignos"

Os sindicatos alertan da posibilidade de folga se non hai acordo para o novo convenio.
Mobilización do persoal da limpeza na Coruña (Foto Nós Diario).
photo_camera Mobilización do persoal da limpeza na Coruña. (Foto: Nós Diario).

Os sindicatos maioritarios na limpeza de edificios e locais en Pontevedra -a CIG, UXT e CCOO- anunciaron que convocarán folga no outono no caso de que non se chegue a un acordo para pactar un novo convenio colectivo na mediación prevista a partir do vindeiro 17 de xuño. O sector continuou esta cuarta feira coas mobilizacións en demanda duns novos convenios colectivos. As tres forzas sindicais avanzaron unha intensificación da mobilización á volta do verán, incluso coa convocatoria de folga.

En Pontevedra as conversas polo convenio romperon en abril, tras 16 xuntanzas, pola insistencia da patronal nunha suba de soldos que os sindicatos consideraron “insuficiente” e a incluír a cláusula de revisión salarial ao IPC.

Por este motivo, protestaron esta cuarta feira diante de Stellantis, en Vigo, cunha manifestación por varias rúas da cidade. Pola súa parte, en Vilagarcía de Arousa (O Salnés) houbo concentracións no exterior do Hospital Comarcal e ás portas do Concello. 

Tanto empresa como sindicatos coincidirán este 17 de xuño na mediación do acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo (AGA) que podería avanzar na negociación.

"Gran fregona" na Coruña

Na Coruña, o persoal de limpeza concentrouse na Praza de María Pita, onde instalaron unha fregona amarela (xa convertida en símbolo das súas reivindicacións) de gran tamaño. A protesta desenvólvese coa vista posta no inicio da negociación do novo convenio.

O representante da Confederación Intersindical Galega na mesa do convenio, Paulo Rubido, lembrou que o sector tivo que presentar demanda de conflito colectivo para que Aspel, a patronal estatal, aceptara aplicar a cláusula de revisión salarial recollida no anterior convenio provincial e que significou unha suba das táboas de 9,8%.

Comentarios