“Cando hai carga de traballo facemos até 12 horas seguidas case sen parar, mesmo comendo un bocadillo na obra e listo, e traballamos sábados, domingos e festivos, e todo por sete euros a hora. E se te negas mándante para a casa”. A denuncia, recollida pola CIG, de compañeiros de N.G.C, o operativo de 54 anos que faleceu esta cuarta feira en accidente laboral nas obras de ampliación de Rande. O sindicato nacionalista indica que os operarios da subcontrata – por volta de 20 participan na obra- á que pertencía N.G.C.
CIG ten denunciado nestes meses en varias ocasións as condicións nas que se traballa nestas obras. “Aínda que se cumprisen todas as medidas de seguridade, que tampouco é o caso, os excesos de xornada provocan fatiga e cansanzo que en moitas ocasións están detrás dos acidentes laborais, neste caso con consecuencias fatais” , afirma Xoán Xosé Melón, secretario nacional da CIG-Construción.
Para Melón, o acontecido nesta cuarta feira é “a crónica dun accidente anunciado” xa que, segundo denuncia, “dábanse todas as condicións para que se producise un sinistro tan grave como o que tivo lugar”. De feito, segundo relatan os compañeiros do falecido, o mes pasado tivo lugar outro accidente laboral nas obras, aínda que nesta ocasión foi de menos gravidade. Con todo, un operario perdeu varias falanxes dunha man.
Parlamento
A mediados do pasado mes de maio o deputado nacionalista Luís Bará anunciaba que o BNG ía levar ao Parlamento iniciativas para denunciar estas irregularidades e instou a Xunta a que “tome medidas urxentes”. O parlamentar afirmaba que a AP-9 representaba “un roubo” para os galegos e agora as obras para ampliar a capacidade da ponte de Rande, a través do convenio asinado por Fomento e a concesionaria Audasa está a provocar unha situación que “conculca os dereitos básicos da clase traballadora”.