Agora

Un helicóptero antiincendios nunha imaxe de arquivo (Foto: Nós Diario).
Agora

Un incendio en Crecente xa calcinou máis de 20 hectáreas de terreo

A Consellaría do Medio Rural informou dun incendio forestal activo no concello de Crecente (comarca da Paradanta), na parroquia de Rebordechán. Segundo a información achegada, o incendio, que se iniciou ás 19.53 horas desta quinta feira, calcinou máis de 20 hectáreas nas primeiras estimacións. Para o seu control mobilizáronse, polo momento, tres axentes, 12 brigadas, cinco motobombas, cinco helicópteros e dous avións.

O tren de alta velocidade 'Avril' (Foto: Nós Diario).
Agora

O Ministerio atrasa a chegada dos trens Avril até o próximo outono

A ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, fixou esta quinta feira para "outubro ou novembro" a chegada dos trens Avril á Galiza. Preguntada ao respecto nun acto en Ferrol, no que acompañou o alcalde e candidato do PSOE á reelección, Ángel Mato, a ministra lembrou que Talgo notificou e fixo público un atraso na entrega destes trens que inicialmente estaba previsto que entrasen en funcionamento na no país no verán do 2022. "Esa é a información que temos", resolveu Sánchez.
Vía dun tren (Foto: Nós Diario).
Agora

Cae unha árbore sobre a vía do tren na liña Ferrol-Ribadeo e obriga a cortar o tráfico durante horas

Unha árbore caída sobre a vía do tren en Moeche (comarca de Ferrolterra) impediu o paso dun convoi e afectou o tráfico ferroviario na liña Ferrol-Ribadeo nas últimas horas, aínda que o devandito tráfico quedou restabelecido pouco despois e non se rexistraron feridos entre os pasaxeiros, que puideron continuar a súa viaxe noutro tren. A alerta saltou cando un dos pasaxeiros contactou co CIAE 112 Galiza para alertar de que o tren de liña estreita no cal viaxaba se detivo. 

O prezo da luz sobe esta quinta feira (Foto: Khunatorn).
Agora

O prezo da luz aumenta esta quinta feira 4%, até os 51,76 euros/MWh

O prezo media da luz para os clientes de tarifa regulada vinculados ao mercado almacenista subirá esta quinta feira 4,4% con respecto ao día anterior, até os 51,76 euros por megawatt hora (MWh). Por franxas horarias, o prezo mínimo, de 15 euros/MWh, darase entre as 16 e as 17 horas, mentres que o prezo máximo rexistrarase entre as 21 e 22 horas, cando será de 94,94 euros/MWh.

O ex presidente de Francia, Nicolas Sarkozy, esta cuarta feira.
Agora

Un tribunal ratifica a condena a Sarkozy por corrupción e tráfico de influencias

Un tribunal de Francia ratificou esta cuarta feira a condena a tres anos de prisión contra o ex presidente Nicolas Sarkozy no marco dun caso de corrupción e tráfico de influencias nunha trama de escoitas telefónicas, logo de que o mandatario apelase a sentenza en decembro. O Tribunal de Apelacións de París sinalou que dous dos tres anos da sentenza quedan suspendidos, mentres que o ex presidente non terá que entrar na cadea, xa que o outro ano da sentenza en firme poderá ser cumprido en arresto domiciliario e con brazalete electrónico. Sarkozy non poderá optar a cargos electos neste tempo. O seu avogado e o ex maxistrado Gilbert Azibert recibiron a mesma condena.
Acto convocado na Casa de Rosalía este 17 de maio.
Agora

A Casa de Rosalía presenta o número monográfico de 'Follas Novas' dedicado a Murguía

A Casa-Museo de Rosalía de Castro sumouse neste 17 de maio ás celebracións polo Día das Letras Galegas. A sede da fundación acolleu un concerto do saxofonista Pablo Castaño co guitarrista brasileiro Iván Vilela, a quen se lles sumou a cantora Felisa Segade, ademais de presentar o sétimo número da revista Follas Novas, dedicado á figura de Manuel Murguía.
Carnés de socio do Celta de Francisco Fernández del Riego.
Agora

Francisco Fernández del Riego, un celtista máis

"Un celtista nunca se rende. Fernández del Riego: a voz dos que non teñen voz, o que nunca se rendeu". Con estas palabras rescata hoxe da hemeroteca o Real Club Celta dous carnés de socio que pertenceron, hai xa máis de medio século, ao autor homenaxeado polo Día das Letras Galegas 2023, Francisco Fernández del Riego, quen, polo que se pode ver neses mesmos documentos, adoitaba sentar na bancada de Tribuna Cuberta para animar o equipo celeste.
Sesión plenaria do Parlamento europeo na sede de Estrasburgo, Francia (Foto: Philipp von Ditfurth / DPA).
Agora

Ratificada a data das próximas eleccións europeas, adiantada por 'Nós Diario': 9 de xuño

As próximas eleccións ao Parlamento Europeo decorrerán, tal e como informaba Nós Dario o pasado mes de abril, en todos os países da Unión Europea entre o 6 e o 9 de xuño de 2024, unha cita electoral que no caso do Estado español decorrerá o domingo 9. "A democracia na Unión Europea é máis importante que nunca, o teu voto conta", advertiu a presidenta da Eurocámara, Roberta Metsola, nunha breve mensaxe gravada e difundido nas redes sociais para chamar aos europeos para votar. O calendario foi acordado polos gobernos europeos.

Un tren con pintadas (Foto: Europa Press).
Agora

Detidos 11 grafiteiros en Vigo, A Coruña e Ponferrada por pintadas en trens

A Policía Nacional detivo 11 grafiteros na Galiza e no Bierzo -oito na Coruña, dous en Vigo e un en Ponferrada- como presuntos autores dun total de 94 feitos delituosos, entre eles pintadas en trens de Renfe e un roubo con forza en dependencias da operadora. Segundo informa o Corpo de Policía, o valor total dos danos polas pintadas ascende a 421.966 euros, ao que se engade un roubo nas dependencias que ten Renfe na cidade de Ferrol.

Barrio da Percibilleira de Baiona. (Foto: Fotocasa)
Agora

Investigadas catro persoas en Baiona por un delito contra a flora e a fauna por extraer percebe de forma ilegal

A Garda Civil de Baiona-Nigrán investiga catro persoas como presuntos autores dun delito continuado contra a flora e fauna. Fontes deste corpo de seguridade destacaron a "boa colaboración" da Confraría de Pescadores de Baiona, que permitiu obter información sobre problemas que ten en relación con casos de marisqueo ilegal da súa zona de costa asignada, que abarca desde a Punta de Monteferro-Nigrán, até o municipio de Oia. 

Protesta nas instalacións de Inelcom en Sarria, o pasado ano. (Foto: Nós Diario)
Agora

O comité de Inelcom Sarria segue sen ver a "causalidade" do ERE e exixe "toda a documentación"

O comité de Inelcom en Sarria abandonou a cuarta reunión de negociación do ERE coa empresa sen ver aínda a "causalidade" da medida que impón a dirección. A representación dos traballadores exixe "claridade nos datos achegados". A comisión negociadora indicou que "de seguir insistindo en levar a cabo o ERE, deben achegar toda a documentación requirida e o número de afectados debe ser moi inferior ao exposto até a data". "Esperamos que na reunión que manteremos o día 18 a empresa veña cunha postura clara e definida que nos permita avanzar nunha negociación que está a ser moi laboriosa pola falta constante de claridade da parte empresarial", subliñan.
Zeca Afonso
Agora

A Deputación da Coruña homenaxeará esta sexta feira Zeca Afonso e Rosalía de Castro

A área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña organiza esta sexta feira un concerto en homenaxe a Zeca Afonso e Rosalía de Castro con motivo da celebración esta semana do Día das Letras Galegas. O evento terá lugar no teatro Colón da cidade herculina. As entradas xa se poden retirar de maneira gratuíta na súa páxina web. Segundo explica o organismo provincial nun comunicado, o grupo Canto D'Aqui contará no escenario coa colaboración de Pedro Jóia e Iria Estévez, nun recital que ten como obxectivo enxalzar a estas dúas figuras da cultura galega. Os actores Isabel Risco e Fran Rei serán os "invitados especiais" a este espectáculo.

Vista dun edificio de vivendas en Ourense. (Foto: Agostime / Europa Press).
Agora

O prezo do aluguer na Galiza subiu un 5,5% interanual, segundo o portal 'Fotocasa'

O prezo do alugueiro na Galiza subiu 0,9% na súa variación mensual e 5,5% en comparación co mesmo mes do ano anterior, o que situou o seu prezo en 8,19 euros ao mes en abril, segundo os datos do Índice Inmobiliario Fotocasa. Este incremento interanual (5,5%) supón o máis baixo deste ano. A nivel estatal, este estudo sinala que os alugueiros se incrementaron 7,3% en abril respecto ao mesmo mes do ano anterior e un 1,2% na súa variación mensual. 

Autoestrada AP-9 ao seu paso por Chapela, en Redondela (Foto: Arxina).
Agora

Investigan o ferrolán que permitiu conducir pola AP-9 o seu fillo de 15 anos de idade

A Garda Civil investiga un home, veciño de Ferrol, por permitir que o seu fillo de 15 anos, a quen acompañaba, conducise un vehículo pola AP-9. Os axentes interceptaron o turismo ao redor das 9.30 horas do pasado sábado, 13 de maio, no municipio de Narón, despois de observar que o vehículo "realizaba unha condución anómala" pola vía. Ao proceder á súa detención, verificaron que ao volante do turismo, se encontraba un menor de 15 anos, acompañado no asento dianteiro dereito por quen resultou ser o seu pai.

Imaxe tomada con microscopio do virus da hepatite. (Foto: Europa Press)
Agora

A área sanitaria de Pontevedra - O Salnés realizará un cribado de hepatite C

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés implantou un cribado de hepatite C que abarca centros hospitalarios e de Atención Primaria que, tras iniciarse o pasado 9 de maio, esténdese a partir desta semana a todas as persoas de entre 50 e 59 anos. Así, a todas as persoas deste grupo de poboación ás que se lles efectúe unha extracción de sangue xestionaráselles sistematicamente unha proba de detección desta enfermidade. O cribado céntrase neste grupo porque, segundo as cifras que manexa a Consellaría de Sanidade, aglutina "máis da metade dos galegos con hepatite C aínda non diagnosticados". 

Gandeiros durante a protesta na sede da Xunta en Lugo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
Agora

Gandeiros levantan a súa protesta ante a sede da Xunta en Lugo pero continuarán na subdelegación do Goberno español

Gandeiros de carne decidiron levantar a súa protesta ante a Xunta en Lugo tras unha reunión esta segunda feira co conselleiro de Medio Rural, José González, co que chegaron a un principio de acordo. E é que decenas de tractores quedaron aparcados na Rolda da Muralla desde a manifestación decorrida a pasada quinta feira. Diso informa o presidente da Asociación de Gandeiros Galegos da Suprema, Santiago Rego, que explica que "levaremos os tractores, si" e non protestarán ante a Xunta, pero continuarán coas súas mobilizacións en Lugo ante a subdelegación do Goberno español.

Acto de homenaxe a Francisco Fernández del Riego da UVigo (Foto: UVigo).
Agora

A UVigo rende homenaxe a Fernández del Riego, o seu primeiro doutor honoris causa

O edificio Miralles do campus universitario de Vigo acolleu esta segunda feira un acto de homenaxe ao escritor e intelectual Francisco Fernández del Riego, a quen este ano se recoñece con motivo do Día das Letras Galegas. No devandito acto participaron, entre outras autoridades, o reitor Manuel Reigosa; o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a profesora emérita María Vitoria Carballo-Calero (que foi madriña de 'don Paco' o día da súa investidura como honoris causa), ou familiares do escritor.

Dous trens agardando a saída na estación de tren de Santiago de Compostela. (Foto: Arxina/ Europa Press)
Agora

Unha incidencia técnica no tren Vigo-A Coruña obriga a facer transbordo en Pontevedra

O tren entre Vigo e A Coruña con saída ás 8 horas sufriu esta mañá unha "incidencia técnica puntual" que obrigou ao transbordo de pasaxeiros en Pontevedra, co consecuente atraso na viaxe de arredor de media hora. Este tren tivo que volver a Vigo após chegar a Pontevedra, polo que outro convoi foi o encargado de levar os viaxeiros e viaxeiras até a cidade herculina. En relación con esta avaría, varias persoas queixáronse a través das redes sociais da "falta de información" sobre o sucedido e criticaron un "novo atraso" nesta liña.
Alberto Núñez Feixoo (Foto: Iñaki Berasaluce / Europa Press)
Agora

Feixoo evita a foto con Baltar na súa visita á Galiza durante a campaña

O líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, proseguirá esta semana a súa intensa axenda de campaña que o levará a visitar 17 localidades e 10 comunidades autónomas. No seu roteiro, que concluirá o domingo en València, inclúe actos en diferentes municipios da Galiza como Lugo, Pontevedra e Ferrol. Porén, non está previsto que finalmente se desprace até algún dos concellos da circunscrición de Ourense, evitando así ser fotografado canda o presidente da Deputación de Ourense e líder provincial do partido, José Manuel Baltar, envolto na polémica após ser xulgado por un delito contra a seguridade viaria.
A suba da gasolina contrasta coa baixada do diésel. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
Agora

Os coches de segunda man encarecen na Galiza: 11.485 euros de media

O prezo de coches de segunda man subiu por volta de 3,1% en abril na Galiza en comparanza co mesmo mes do pasado ano, segundo un informe que vén de facer público a Asociación Nacional de Comerciantes de Vehículos (Ancove). De tal forma, o prezo medio do turismo de ocasión no país é de 11.485 euros, un rexistro inferior á media estatal, de 12.679 euros. O prezo dos coches de máis de oito anos de antigüidade é de 8.985 euros na Galiza.