Betanzos será o escenario do XII encontro de Titiriteiros de Unima

Isabel Rei Pousada, integrante da histórica compañía Os Monicreques de Kukas, recibirá o Premio Unima Galiza
Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña, e Ton Arenas, presidente da Unima Galiza, na presentación desta terza feira.
photo_camera Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña, e Ton Arenas, presidente da Unima Galiza, na presentación desta terza feira.

Unima Galiza, asociación profesional do sector galego dos monicreques integrada na Unión Internacional da Marioneta, celebrará en Betanzos, entre os días 5 e 7 de xullo, o seu XII Encontro Titiriteiro. Tras cinco anos de interrupción, Unima Galiza recupera as súas xornadas profesionais, cuxa última edición tivo lugar en Mondoñedo en 2019. Para a entidade supón saldar unha débeda o regreso desta actividade profesional que significou un punto de encontro e de intercambio de opinións para o gremio dos monicreques na Galiza. Así o explicou esta terza feira, 2 de xullo, Ton Arenas, presidente da Unima Galiza, nunha rolda de prensa na que estivo acompañado pola deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González.

O XII Encontro Titiriteiro, afondou Arenas, combina as mesas redondas destinadas aos profesionais do sector coas actuacións abertas ao público.  Neste renacer do Encontro Titiriteiro celebraranse debates sobre dous temas en concreto. O primeiro deles versará sobre os monicreques na programación cultural e celebrarase entre as 11 e as 12.30 horas da sexta feira 5 de xullo. Tras o seu desenvolvemento, os participantes elaborarán as conclusións. E o mesmo se fará ao día seguinte coa mesa sobre monicreques e formación que se celebrará o sábado entre ás 11 e as 12.30 horas.

Funcións na rúa e no Auditorio

Seis compañías galegas actuarán dentro do XII Encontro Titiriteiro de Unima. A primeira delas será Títeres Alakrán, que ofrecerá na sexta feira, ás 13 horas un pase do seu espectáculo O Xigante Barriga Verde na Praza dos Irmáns García Naveira. Este céntrico espazo recibirá tamén ás 20 horas A Xanela do Maxín, formación que representará para o público familiar a súa obra A Toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza. Por último, ás 22 horas, Mircromina Teatro representará na mesma praza a súa peza Raio de Loubicán

O sábado ás 13 horas chegaralle a quenda a Títeres Cascanueces, que na mesma praza, lle ofrecerá ao público betanceiro a súa obra Unha Armadura de Ferruxe. Xa pola tarde, entre as 19 e as 20 horas, a Alameda do Liceo acollerá a Feira das Variedades, unha ducia de pequenos teatros diferentes se instalarán para representar os máis variados espectáculos da man de distintas compañías de artistas.

Pola noite, ás 21.30 horas, o Auditorio Xulio Cuns acollerá a entrega do Premio Unima Galiza a Isabel Rei Pousada, integrante da histórica compañía Os Monicreques de Kukas. Tras a entrega, Carmen Domech ofrecerá o seu espectáculo Picassos animados.

Xa o domingo, ás 13 horas, na praza dos irmáns García Naveira terá lugar a función de clausura deste XII Encontro Titiriteiro. Precisamente, a xa mentada Os Monicreques de Kukas poralle o ramo a estas xornadas coa peza Xan Perillán. 

Máis en CULTURA
Comentarios