Contracultura

Nando Pérez: "Creei un servizo de cancións personalizadas, para quen queira dicir algo de forma musical"

Nando Pérez, músico coñecido como Chamaquito Pistolas, conversa con Nós Diario sobre Canción DeSastre, o proxecto de composicións a medida que está detrás de Falsos amigos, o primeiro tema do programa da CRTVG  ‘Dígocho eu!’. Pérez aborda o proceso de creación que hai detrás de cada encarga e do agasallo que cada canción supón para as persoas xa que, como el di, “unha bágoa sempre cae”.
O músico Nando Pérez leva máis de vinte anos compoñendo as súas propias cancións. (Foto: Lorena García)
photo_camera O músico Nando Pérez leva máis de vinte anos compoñendo as súas propias cancións. (Foto: Lorena García)

—Cando xorde Canción DeSastre?
Comecei o ano pasado vendo a situación da música, da cultura en xeral, e buscando novas formas de sobrevivir. Ocorréuseme montar este servizo de cancións personalizadas, feitas a medida, para esas persoas que querían dicir algo de forma musical e que precisaban axuda. Eu xa tiña experiencia noutras empresas facendo este tipo de servizos, mais decidín facelo así porque considerei que na Galiza non había ninguén que o estivera facendo. Ademais, eu son cantautor e levo vinte anos escribindo cancións. É algo que entra no meu terreo. 

—Como é o proceso de composición en cada encarga?
Métome na pel da persoa que me pide a canción e na historia que quere contar. Danme a información que queren que apareza e comeza a xurdir a maxia. O estilo da canción pode vir suxerido pola persoa que fai a encarga ou poden darme liberdade para que eu escolla. Ás veces envío bosquexos con estilos diferentes para saber cal é o que encaixa mellor coa súa idea e teño que dicir que até o de agora non tiven ningunha persoa que me dixera que non lle gustaba o resultado, unha bágoa sempre cae cando lla dan á outra persoa. 

Estes bosquexos normalmente son só a guitarra e a voz e envíoos tamén para que a persoa decida se lle gusta, se quere modificar cousas, e todo o mundo di que xa con iso lles encanta. Cando mando o resultado final, depende do formato que escollan, mais que xa está mellor gravado e mesturado e ás veces con máis instrumentos, quedan moi contentos. Tamén é certo que os estilos que estou acostumado a facer, entre pop e rock, adoitan entrar ben, mais podo adaptarme ao que me pidan. Precisamente, co do ‘Dígocho eu!’, eles querían unha pimba portuguesa e eu nunca fixera nada así. Ao final, ao levar tantos anos nisto, só hai que escoitar un pouco de música e coller algunhas referencias.

—De onde veu a proposta para Falsos amigos?
Recibín unha mensaxe de Carlos F. Amado explicándome que ían volver das vacacións e que querían unha canción para estrear, a ser posíbel, o día do primeiro programa. Claro, tivemos quince días para facelo todo. É certo que a min gústame, a diferenza doutras empresas que se dedican a isto, tomarme tempo, especialmente á hora de escribir a letra, mais eles preguntaron se era posíbel e eu dixen que si. Para min a letra é o máis importante, porque ti estás mandando unha mensaxe e tamén depende moito da inspiración de cada día. Non me gusta a presión de ter que escribir algo porque o tes que entregar e por iso prefiro traballar con prazos un pouco máis amplos.

Tamén é certo que son bastante repugnante neste tema porque son de xogar coas palabras e darlle voltas; ao mellor cunha única frase estou dez minutos até que a deixo como a min me gusta. No caso de Falsos amigos era un formato de banda enteira e iso son máis instrumentos para gravar, a mestura tamén dura máis tempo. Entón a letra estívena traballando durante unha semana e na seguinte gravei os instrumentos, mestureinos e entregueilles a canción. 

—En que traballa agora?
O meu plan é que a xente siga coñecendo Canción DeSastre. As encargas que teño son de vodas e aniversarios, ás veces pídenme que vaia cantar o propio día do casamento, mais tamén estou aberto a outras propostas como foi no caso do ‘Dígocho eu!’. Tamén fixen a música para a plataforma de obradoiros online Na Utopía e para un podcast sobre Doutor Who, Gallifrey Ceive. Ademais, eu traballo con tres formatos desde o máis sinxelo até o máis complexo: íntimo, acústico e banda; a medida que se inclúen máis instrumentos. E proximamente engadirei o que chamo un retal musical, que sería máis económica para poder chegar a máis xente.

Comentarios